Crise laboral e de xestión no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros

IMG-20231023-WA0005
O deterioro das condicións laborais e do ambiente de traballo no centro Manuela Pérez Sequeiros é unha ameaza directa á calidade dun servizo público esencial.
Crise laboral e de xestión no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros

O Centro Manuela Pérez Sequeiros é un espazo esencial para o benestar social da veciñanza de Narón, que alberga o Centro de Día e desenvolve servizos sociocomunitarios vitais para as veciñas e veciños. É un espazo municipal, de titularidade pública, aínda que a súa xestión se realice mediante concesión administrativa a unha empresa privada, neste caso DomusVi, nunha concesión xa prorrogada por máis de 10 anos, algo que se debese suplir cunha nova licitación ou coa xestión directa ao 100 % do servizo, algo que xa ten reclamado o BNG en diversas ocasións.

A situación actual do centro a nivel laboral é totalmente insostible, con 8 persoas de baixa das 17 que alí traballan, atopándose 7 delas de baixa laboral por motivos relacionados co traballo. Isto é algo que vimos denunciando o BNG desde hai meses, “informamos hai nove meses á alcaldesa nunha reunión que solicitamos como BNG, daquela as baixas eran tres, hoxe son case a metade do plantel.”, indica Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal, “preocúpanos que se puidese vulnerar o dereito á saúde laboral do persoal traballador do centro afectando ás usuarias e usuarios do mesmo, moitas delas dependentes, por non poder garantirlles a calidade asistencial que precisan e que merecen”, incide Ledo.

Desde o BNG de Narón solicitamos no pleno deste mes de novembro ao goberno municipal que se lle abra a DomusVi un expediente de inspección e seguimento co obxectivo de avaliar as causas desta crise laboral e que se lle esixa a correcta execución das cláusulas do contrato, tanto as relativas ao cadro de persoal como as que garanten a calidade do servizo. “É preocupante que o concello pedira agora un informe da situación, nove meses despois de que o reclamaramos porque presentamos agora unha moción. De verdade as persoas que fan uso do centro e o cadro de persoal do Manuela precisa que cheguemos ata aquí para que se mova algo?. ”, prosegue Ledo.

Crise laboral e de xestión no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros