O BNG denuncia que o concello non contempla na inauguración do muíño de Xuvia a limpeza dos lodos que permitirían accionar o movemento dos rodicios. Desta maneira o muíño non poderá accionar o mecanismo de moenda polo que foi creado.
No BNG de Narón visitamos a contorna do muíño de Xuvia este xoves 28 ao remate dun pleno onde fixemos pregunta á alcaldesa para que explicase se pensa inaugurar o Muíño de Xuvia sen poder funcionar a moenda a pesar de restaurar os artiluxios fabrís do propio muíño. A resposta da alcaldesa foi afirmativa mais, ante a información por parte da empresa adxudicataria e a revisión dos pregos do proxecto de rehabilitación polo BNG sabemos que minte e por iso denunciamos a imposibilidade de que sexa así pola cantidade de lodos que “taponan” o movemento natural dun muíño de río como neste caso o de Xuvia.
Ademais, no BNG de Narón denuncian informacións contraditorias porque mentres a alcaldesa anuncia que si vai estar completamente rehabilitado o funcionamento de moenda , diferentes fontes da empresa adxudicataria e consultando a licitación é unha evidencia que non se limparon os 2,5 metros de altura de lodos por 11 metros de ancho acumulados durante décadas nesa zona concreta que tapona a entrada de auga e, ao ter os infernos do muíño e as comportas paradas, fan que isto non sexa posíbel “reclamamos que o concello diga a verdade á cidadanía e que se non é posible con esta obra (na que si se van colocar novas pezas para a posibilidade de moenda) fagan unha licitación para unha obra que retire os lodos que imposibilitan o funcionamento do muíño. A estas alturas pensamos que nin tan sequera pediron permiso a medio ambiente para facelo porque é outra das nosas preguntas que non responderon e iso xa sería a pinga que colma o vaso: a improvisación á que nos vemos sometidos nunha obra tan importante e cun investimento tan elevado para o concello de Narón” Indica Olaia Ledo, voceira municipal do BNG de Narón “a propia memoria descritiva deste proxecto plantexa uns obxectivos medioambientais de recuperación da contorna física do muíño e a súa restauración intégrase dentro dun grupo de recuperación da costa polo que desde o BNG solicitamos que valga para reducir a contaminación do río Xuvia máis agora que levamos máis dun ano con prohibición de bañarnos nel; é o concello quen se ten que pór ás pilas ou pensan inaugurar un muíño que non funciona e que todo é contaminación ao seu redor?” conclúe Ledo.