Denunciamos a precaria situación laboral na que se atopa o persoal de Correos en Narón
Mediante unha moción en pleno, instamos ao Goberno do Estado a que atenda as demandas do persoal traballador de Correos en Narón, e tamén presentamos pregunta no Congreso do Deputados a través de Néstor Rego.
Despois de dous anos das primeiras protestas do persoal de reparto de correos no concello de Narón porque non se cubrían as xubilacións, as baixas laborais temporais ou vacacións, tendo que cubrir esas zonas de reparto o persoal que se atopaba en activo nese momento, a situación no tanto de mellorar empeorou.
Naquel momento a sobrecarga de traballo e o retraso nas entregas cubriuse coa contratación de persoal eventual, que cesou na súa actividade no momento que remataron eses traballos extras.
A situación agora é moito peor, producíronse sete xubilacións das cales se cubriu tan só unha, e seguen sen cubrirse as baixas laborais nin as vacacións. Correos, para cubrir ese traballo a maiores, nin sequera contratou persoal eventual se non que a través do novo xefe de zona trasladou a orde de aumentarlle a cada persoa entre un 25 e un 30 % a zona de reparto. Esta “solución” non é tal xa que a acumulación de traballo o que precisa é aumento da dotación de persoal.
Desde o BNG denunciamos, a través dunha moción en Pleno e trasladando estas demandas ao Congreso a través do deputado Néstor Rego, que unha empresa cun capital 100 % público como é Correos, debe manter a súa función orixinaria de servizo público como operador responsábel de prestar o Servizo Postal Universal, e para garantilo debe contar co persoal e os medios necesarios para prestalo.