O BNG vota en contra duns orzamentos sen ambición e sen apenas novos investimentos
Desde o BNG non entendemos o continuismo duns orzamentos sen ilusión e sen novas inversións. Vivimos nunha crise sen precedentes e tendo as contas saneadas (grazas ao traballo que deixou feito o BNG hai tres anos) é momento de invertir por un mellor Narón. Hoxe, no pleno, pedimos maiores inversións, máis gasto social e un novo modelo urbano. Ademais, preocúpanos as diferenzas de investimentos entre parroquias e barrios, "o saneamento segue a ser unha partida pequena para o Val e sen cubrir as necesidades de toda a parroquia e, o mellor investimento que anuncian para o rural, son poñer uns carteis na parroquia de Pedroso cun custe de 20.000 euros. Parécenos indecente a falta de ideas para a parte máis extensa en territorio do noso concello e que, coas políticas axeitadas, poden gozar todas as veciñas e veciños de Narón" afirma Geno Carballeira, concelleiro responsábel de facenda do BNG de Narón.
Argumentan desde o goberno (que en ningún momento se puxo en contacto connosco a pesar de ter as nosas propostas baixo rexistro desde Setembro) que recollen algunha das cousas que reclamamos. Non imos negar que estamos ledas e ledos de aportar ideas mais son insuficientes: en saneamento hai que invertir máis (Doso non ten nin cen metros de alcantarillado, en San Mato levan sen invertir nisto desde hai anos, en Castro tampouco ou o que se vai facer o Val seguirá sen cubrir a parroquia na súa totalidade). Non hai inversión para axeitar a feira do 13 en Sedes e non hai partidas para realizar plans directores en Xuvia, O Alto, Freixeiro, Piñeiros como pedimos e que si se está a facer, por fin, no barrio da Solaina.
Ademais, desde o BNG criticamos que os orzamentos do 2021 só están executados no 54% e unha vez máis, traen uns orzamentos xenéricos para logo facer ducias de modificados de crédito o que é un exemplo de improvisación "o único que teñen claro e , unha vez máis, que o 90% do gasto das contas do 2022 será gasto corrente e o restante aíndan non se sabe" indica Carballeira. Unha parte preocupante e tamén o desleixo con igualdade "Falan de que subiron en Igualdade, cando a realidade e que o ano pasado baixárona á mínima expresión e hoxe non chega nin ao 0,5% do total dos orzamentos. Nós pedimos un mínimo do 1% e a creación dun CIM" remata Geno Carballeira.
O que si agradece o BNG é o traballo realizado polo persoal técnico do concello "a parte técnica unha vez máis vén perfecta , o que falla é a parte política, sen ideas e esperando a que llas deamos nós durante o ano"