O XOVES 22 ÁS 20H EN DOSO ENCONTRO COS VECIÑOS E VECIÑAS NUNHA PARROQUIA AFECTADA DIRECTAMENTE
O BNG de Narón realiza un encontro sobre como afecta o parque de Caaveiro en Narón no local social de Doso
O 5 de maio o BNG de Narón mantiña unha reunicón coas asociacións veciñais de Sedes, O Val e San Mateo afectadas por posíbeis parques eólicos nun futuro. Antes rexistrara petición ao concello para ter información e a resposta foi que nada sabían. Ante isto desde o BNG decidimos buscar solucións directamente e presentamos unha moción municipal que foi aprobada na que se alertaba das consecuencias do boom eólico. O que non sabíamos a aquela altura e que a parroquia de Doso entraba nunha parte na poligonal do parque de Caaveiro.
Galiza está a soportar un boom eólico sen precedentes mentras seguimos a pagar a factura de luz máis cara do estado. O vento é o noso recurso pero se lle regala as multinacionais nas que agora pretenden encher a nosa comarca de parques onde non só non teremos os beneficios si non que nos dixan todos os problemas. En Narón o parque de Caaveiro aféctanos visualmente porque se van instalar se se lles permite (entre moitos outros) dous muíños no monte de Ancos, afectando visualmente a Xuvia e boa parte do Concello de Narón que ten ao carón a ría. Pero é que ademais , a parroquia de Doso está afectada xa no proxecto inicial.
Este mes abriuse o periodo de consultas e presentación de alegacións, sen asesoramento legal non é un prazo suficiente para ningún particular xa que remata o prazo o 27 de xullo. Por iso temos elaborada unha alegación tipo que vale para este parque e traballada cun bufette de asesoramento legal.
Que di o modelo de alegación?
Este modelo puidemos facelo grazas á oficina legal que habilitou o concello de San Sadurniño (unha vez máis Doso ten que comprobar como o concello de San Sadurniño traballa cousas que lles afectan pero en Narón o concello nin está nin se lle espera) e nel empeza enumerando un listado de normativas sectoriais europeas, estatais e autonómicas coas que se evidenciaría o escaso prazo de exposición pública dado pola Administración estatal “para poder garantir adecuadamente a posición xurídica dos interesados e afectados”. Por outra banda, o escrito tamén destaca que Caaveiro forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos “fragmentados artificialmente” que deberían ser avaliados como un único “proxecto industrial de grandes dimensións”. Cualifícase esta estratexia -rexeitada en varias sentenzas xudiciais- como unha maneira de “minorar as garantías de protección ambiental, ao aniquilar a posibilidade de avaliar conxuntamente o proxecto”.
Por outra banda, o modelo básico de alegacións tamén apunta a que Caaveiro estaría fóra das áreas de desenvolvemento eólico de ámbito autonómico e que, polo tanto, sería “inviable desde o punto de vista administrativo na súa configuración actual”, salvo que o Consello da Xunta de Galicia o autorice no futuro -neste momento a Xunta ten emitido un informe desfavorable por este mesmo motivo- amparándose “nunha función vertebradora do territorio”.
A relación de alegatos xenéricos complétase con mencións ao impacto paisaxístico e sobre os hábitats, ao feito de que as instalacións afectarían ao ZEC Xubia-Castro e incluso apuntan á falla dun estudo hidrolóxico que reflicta as posibles consecuencias sobre as augas superficiais e subterráneas das que se abastece grande parte da zona.
Como facer?
Se queres a alegación podes escribirnos a [email protected] e rexistrala en calquera administración con destino á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, co obxectivo de que entren dentro do prazo que expira o próximo 27 de xullo.
Tamén podes facelo co certificado electrónico no caso de telo e rexistrar as alegacións desde a casa en calquera momento dentro do prazo a través desta ligazón: https://rec.redsara.es/registro/.
Tan pronto como pinchemos nela pediranos o certificado para acceder e, feito isto, preguntaranos se actuamos como persoas interesadas ou como representantes (doutras persoas ou dalgún colectivo ou empresa). No caso de particulares que actúan en nome propio haberá que elixir “interesado/a”. Logo abrirase un formulario onde xa aparecerán preconfigurados os datos de identidade e, despois, os do enderezo, que haberá que completar no caso dos campos que aparecen cun asterisco.
A continuación o formulario mostra o campo “Organismo destinatario”. Copiando e pegando nel o código E05024601 xa se mostrará automaticamente ao cabo duns segundos o campo “Subdelegación del Gobierno en A Coruña – Área Func. de Industria y Energía”, organismo ao que deben dirixirse todas as alegacións.
No apartado “Asunto” do formulario haberá que indicar “Alegacións ao Parque Eólico Caaveiro”. No campo de “Expone” haberá que poñer “Presentación de alegacións” e no de “Solicita”, escribir simplemente “Dáselles traslado”, posto que as alegacións en si xa irán no documento en .pdf que haberá que cargar no campo “Documentos anexos” (hai que poñer un nome descritivo, tipo “Escrito alegacións PE Caaveiro”).
O aplicativo permite distintos tipos de arquivo, pero o mellor é cubrir o escrito de alegacións en .docx ou .odt, logo exportalo a .pdf, asinalo con Autofirma ou outra ferramenta de sinatura electrónica e despois anexalo no formulario de rexistro. Hai que ter coidado cos documentos escaneados, posto que poden exceder o peso máximo de 10 MB e, polo tanto, a web non nos deixará rexistralos. Se actuamos como representantes de terceiras/os debemos incorporar tamén os documentos que acrediten esa representación, tendo en conta que tampouco poderán superar os 10 “megas” de peso nin os 15 MB para o conxunto de todos os documentos que adxuntemos.
Cal é o prazo?
O prazo remata o martes 27 de xullo
Canto mide um eólico e como afecta?
Que non esteamos na poligonal (territorio que pasará a ser de uso preferente do parque) non quere dicir que non nos afecte, o impacto visual é grande mais tamén deberamos falar de ruídos, do efecto sombra ou de como vai afectar ao hábitat e contorna do río Xuvia.
É importante ser consciente de que estes muíños van medir entre 200 e 225 metros (a grúa de Navantia Fene mide na súa viga mais alta 75 metros -como a catedral de Compostela- ) e aqui deixámosvos um exemplo