Solicitamos actuacións urxentes na Rúa Areosa
Vimos de reclamar ao goberno municipal actuacións urxentes na Rúa Areosa, no barrio de Freixeiro, e na confluencia da mesma coa Rúa Miguel de Cervantes.
A Rúa Areosa, no barrio de Freixeiro, ten o pavimento completamente destrozado, cheo de fochancas, o que levou a que se producisen xa varios incidentes antes da época de choivas, agravándose estes agora. Vimos de solicitar por rexistro ao goberno municipal que se habilite unha partida para o arranxo da mesma, coa maior celeridade, e de non facelo neste periodo que sexa incluído nos orzamentos do vindeiro ano 2024. “Unha rúa con tráfico de vehículos de relevante importancia coma esta, por ser comunicación entre o barrio do Lodairo e a Estrada de Castela ao seu paso por Freixeiro, non pode estar nun estado tan lamentábel á espera de que se sigan a producir máis incidentes, ou incluso incidentes máis graves”, indica Marta Grandal, a nosa responsábel local.
Asemade, solicitamos o mantemento da zona verde da mesma Rúa na súa confluencia coa rúa Miguel de Cervantes, a vexetación invade a intersección destas rúas e impide a visibilidade aos condutores ao entrar na rúa.