RENOVACIÓN DO CONSELLO LOCAL ONDE MARTA GRANDAL CONTINÚA COMO RESPONSÁBEL
A pasada fin de semana realizamos unha asemblea local para renovar os cargos do consello no local social de Doso. Alí, aprobouse por unanimidade a renovación do consello local e marcámonos como obxectivos seguir a medrar a organización e a tendencia a alza nas eleccións mellorando os resultados para as vindeiras municipais.
O BNG de Narón acadamos nas pasadas galegas os mellores resultados da nosa historia na localidade, no período entre asembleas nacionais aumentamos nun tercio a base militante e simpatizante e agora renovamos o consello nunha asemblea aberta e na que se decidiron as liñas xerais de traballo para os vindeiros tres anos.
Marta Grandal, responsábel local nos últimos dous anos, segue no cargo nun consello onde chegan novas incorporacións como a psicóloga Pili Carballeira, Suso Doce ou o ex-traballador de Siemens – Gamesa Carlos González. Ademais continúan no consello Ánxel Rial como vicerresponsábel, o grupo municipal (Olaia Ledo e Geno Carballeira) Marcos Sánchez e Karina Rosario. “Para nós o importante é retomar a continuidade das asembleas e que a nosa organización estea na rúa escoitando e traballando para a veciñanza. Cada día somos máis e, como octava cidade de Galiza, temos a responsabilidade de facer o mellor traballo e axudar a ter unha presindenta nacionalista nas vindeiras eleccións galegas. Ademais, antes temos unhas municipais nas que como mínimo aspiramos a dobrar os resultados que xa foran ascendentes nas últimas” indica Marta Grandal, responsábel local do BNG “no BNG traballamos para que neste país poidamos vivir mellor e para iso fai falta un cambio de rumbo, tamén en Narón. Por iso presentamos iniciativas non só no concello se non tamén recollendo sinaturas, xornadas formativas como as que fixemos do compostaxe ou urbanismo inclusivo e tamén no parlamento galego e no congreso como a última sobre a paralización e solución dos desafiuzamentos en Piñeiros.” indica Grandal. Na asemblea tamén se fixo mención especial ás persoas que nesta última etapa estiveron no consello e que agora seguirán na asemblea e comisións sectoriais “o mellor do BNG é a súa militancia, sempre disposta no lugar que lle toca en cada momento” . Especial mención a Xosé Fandiño, concelleiro de promoción económica e un dos responsábeis da comunicación no BNG de Narón que volveu ao seu traballo previo de xornalista e continúa asesorando á localidade.