Preocúpanos o mal estado do Pavillón da Gándara
Preocúpanos o mal estado do pavillón municipal da Gándara. No inverno había pingueiras nas instalacións que foron denunciadas no pleno por este grupo político, sendo a partires dese momento cando desapareceron os caldeiros das instalacións polo que se entende que se arranxaron as mesmas, aínda que o ideal sería un mantemento das instalacións en non parches cando se atopan con problemas.
A día de hoxe levan varias semanas funcionando menos da metade das duchas dos vestiarios masculinos da piscina, están funcionando catro, e a maioría das veces sen auga quente. Isto é un problema do que son descoñecedores os usuarios até o momento de ter que facer uso das mesmas porque non hai un letreiro que avise desta situación, e cando en cada quenda entran e saen da piscina máis de vinte rapaces e rapazas.
O concello debería de preocuparse por ter en óptimas condicións de uso as instalacións das que fan uso as veciñas e veciños de Narón, nas que se prestan uns servizos públicos polos que a veciñanza está pagando unhas taxas. Desde o BNG solicitamos que o concello se informe da situación e poña solución á mesma á maior brevidade posíbel.