Néstor Rego reclama a modernización dos trens na liña do FEVE
Néstor Rego exixe medidas compensatorias para a liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo ante os erros detectados no deseño dos trens e o retraso que provocará na entrega do material rodante
A frente nacionalista lembra o compromiso adquirido polo Goberno para mellorar a calidade do servizo, a modernización do material e aumentar a fiabilidade
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar varias iniciativas para que o Goberno do Estado e, no concreto, RENFE cumpran co compromiso de modernizar o material rodante da vía de ancho métrico. Tras os erros detectados no deseño dos trens que obrigou a revisar o contrato, a frente nacionalista demanda un calendario concreto para a entrega dos trens e se o Ministerio destinará os híbridos para a liña FEVE entre Ferrol e Ribadeo. Alén do máis, Rego demanda medidas compensatorias polo retraso para a liña de ancho métrico para que as persoas usuarias desta liña gocen da gratuidade do servizo.
O erro no deseño dos trinta e un trens de vía estreita, antigo FEVE, afectará principalmente a Asturias e Cantabria por posuír unha maior rede de ancho métrico electrificado. Vinte e seis, dos trinta e un, son eléctricos mentres que na Galiza non podería operar por non posuír esa infraestrutura.
“Con todo, outros cinco eran híbridos e si que poderían transitar pola vía galega e destinalos a prestar servizo na liña de FEVE da Galiza, Ferrol-Ribadeo” explica o noso deputado, Néstor Rego. Cabe destacar que existe un compromiso, adquirido por parte do Goberno, para mellorar e modernizar o material rodante desta liña a través do “plan de mellora da calidade do servizo” co obxectivo de mellorar a súa fiabilidade.
A día de hoxe, o material existente na liña Ferrol-Ribadeo ten graves problemas, con continuas avarías do material rodante que “causan incidencias de forma continuada e fan completamente impredecíbel e moi pouco fiábel este medio de transporte”. Neste sentido, Néstor Rego reclama modernizar os trens da liña para ofrecer un servizo de calidade ao conxunto da cidadanía.
“O Goberno do Estado debe cumprir as súas promesas e, ademais de asegurar a renovación do material rodante, estabelecer un calendario con prazos específicos para a subministración do trens destinados a este tramo” asevera Néstor Rego.
Medidas compensatorias para o FEVE
Após coñecer as deficiencias na fase de estudo e deseño do novo material rodante, demandamos medidas compensatorias para as persoas usuarias ante o retraso que suporá a entrega do novo material. “Se Asturias e Cantabria recibirán medidas compensatorias, é de xustiza que a liña FEVE reciba as mesmas medidas e minimizar o grave prexuízo que supón o atraso na entrega do novo material rodante” engade Néstor Rego. Así mesmo, para garantir a calidade do servizo, o deputado reitera a necesidade de aumentar as frecuencias ferroviarias nesta liña co obxectivo de que máis persoas poidan empregar este medio de transporte –“eficaz, eficiente e sustentábel”- en detrimento do vehículo particular.