Trasladamos ao Parlamento Galego as necesidades dos centros educativos de Narón
Levamos ao Parlamento galego as necesidades dos colexios de Narón a través do deputado pola comarca,
Mon Fernández
A portavoz municipal, Olaia Ledo, o deputado pola comarca, Mon Fernández, e a responsábel local, Marta Grandal, visitamos as instalacións dos colexios da Gándara, a Solaina e Virxe do Mar xunto a unha representación das Anpas e da Federación de Anpas dos colexios públicos da comarca; ademáis de manter unha reunión cunha familia do CPI do Feal que loita porque Xabi, o seu fillo, que se move en cadeira de rodas, teña no centro un ascensor que lle permita acceder a todas as plantas.
O estado de conservación das instalacións dos centros educativos é xeralmente mala, e a atención que desde a Consellería competente se presta ás demandas que neste sentido se presentan tanto por parte dos equipos directivos como das ANPAS é nula. Fiestras que non pechan, baños de hai 40 anos que precisan reformas integrais, fibrocemento nos tellados, humidades... son algunhas das deficiencias que presentan os centros escolares.
Outra das eivas que presentan a maioría destes colexios é a falta dun ascensor que plantexa moitos problemas á hora da accesibilidade de rapaces coma Xabi, un neno que estudia no CPI do Feal e que vai en cadeira de rodas. A situación deste rapaz obligou ao centro educativo a trasladar a todos os rapaces da aula de Xabi á planta baixa por non ter acceso ás plantas superiores para persoas con mobilidade reducida. Isto pasa non só cando un vai en cadeira de rodas, moitos rapaces e rapazas que teñen unha lesión nun pé ou nunha perna e non poden subir escaleiras dun xeito máis ou menos cómodo quedan na casa, perdendo días lectivos, por mór de non poder acceder ás súas aulas ao non ter elevadores.
O feito de non aparecer previsión ningunha sobre estes centros no proxecto de orzamentos para o ano 2023 non fixo máis que aumentar o nivel de preocupación das ANPAS destes centros e da comunidade educativa de Narón.
Neste sentido vimos de rexistrar unha iniciativa no Parlamento, a través do deputado Mon Fernández, instando á Xunta a pactar coa representación dos centros educativos unha relación de obras urxentes para o seu inicio durante o ano 2023.