Un modificado de crédito decepcionante
No pleno do mes de maio presentouse un modificado de crédito no que o Grupo Municipal do BNG votou en contra por distintas razóns que nos explica moi ben Geno Carballeira, o noso concelleiro, na súa intervención no pleno:
"Desde o principio puxémonos a disposición de propoñer e chegar a acordos e esa segue sendo a nosa maneira de traballar. Bo exemplo disto é o anterior gran modificado de crédito, que se trouxo a pleno en maio de 2021, de máis de 7 millóns de euros, onde, facendo talante do noso positivismo, decidimos votar a favor poñendo a condición, iso si, de que se abordasen posteriormente diferentes áreas, barrios e parroquias que quedaban descolgadas.
Puxemos en evidenvia a falta de proxecto político funcionando a golpe de modificados de crédito, investindo en cousas que van saíndo por aquí e por alí sen unha línea clara de cal é o rumbo que queredes que tome Narón no futuro.
Espuxemos o perigoso que é ese antigo sistema que usades de non investir cartos en anos e logo facer gastos super extraordinarios cando vedes que chegan as eleccións.
E aínda con iso, e vendo que quedaban, como dixen anteriormente, áreas, barrios e parroquias moi descolgadas, fomos quen de quedarnos só co positivo e, á hora de votar e ante a imperiosa necesidade de Narón ter investimentos, apoiamos a vosa proposta.
Por iso, polo noso positivismo, cando vemos que un mes se vota en contra da nosa proposta da sinalética inclusiva nos edificios municipais, pero ao mes seguinte se engade aos orzamentos con outro título, alegrámonos e vémolo moi favorábel. E cando vemos investimentos neste modificado que falan de Doso, de San Mateo, de saneamento... aínda que sempre nos parecen poucos tamén o valoramos positivamente. Ao ver que se da crédito á "demolición do antigo cuartel de Xuvia", por fin... pensamos que é un paso para encher ese espazo de servizos para ese barrio, que os necesita e pedimos moitas veces, polo que tamén isto o valoramos positivamente, claro que si. E gústanos ver que despois de insistir tanto na precariedade da accesibilidade nos nosos espazos públicos se vexa algo de investimentos neste aspecto.
E este positivismo do que falo e o apoio que queremos prestar ao goberno municipal, quedou patente na comisión informativa de contas deste mes de maio, onde quixemos facer valer outra vez o mesmo positivismo que no anterior modificado de crédito, sendo conscientes de pasar por alto outros puntos que non o son tanto.
Comprenderedes que ser oposición en Narón e apoiar este tipo de propostas, onde de golpe a porrazo aparecen en xogo varios millóns de euros, pasándonos escasa información nun correo electrónico uns días antes e pasando por unha comisión informativa na que ás dúas primeiras preguntas que fago sobre este modificado xa non se sabe responder e non se me pasa información do que pregunto ata dous días antes do pleno, é un exercicio de confianza a ollos pechados.
E aínda que quereriamos podelo facer, nestes días, analizando xa cun pouco de tempo os puntos incluídos no modificado, preocúpanos ver como o noso investimento ideal en igualdade, que sería un CIM, quédase nun libro de estudo sobre as mulleres de Narón, nós non cremos que a igualdade do noso concello se resolva moito só con iso; estudo que por certo custa 18.000 euros. A igualdade hai que traballala no terreo non só no papel para que non se a só propaganda.
Preocúpanos que despois de tanto investimento no Estadio de Río Seco, aínda que se destina unha partida para recuperar a homologación das pistas de atletismo, sigamos sen unha solución para que os vestiarios sexan suficientes e operativos.
Preocúpanos moito que, aínda que vemos apoio de fondos propios do concello a eventos do Padroado de Cultura, quéixese a veciñanza de Sedes de non ter fondos nun inicio para celebrar o seu Oenach Atlántico. Por certo, a única festa que temos no noso conccello de interese turístico de Galiza.
Preocúpanos apoiar, coa dificultade de ter a pouca información que temos a oposición de Narón, esas partidas de números redondos que, ademais, parecen esaxeradas. Por poñer un exemplo:
- Suministro de luminarias led para a Estrada de Cedeira: 41.000 €
- Mobiliario para oficinas da policía: 10.000 €
- Tres tablets e tres impresoras tamén para o policía local, outros 10.000 eurazos redondos.
Que por certo, xa que falamos dos corpos de seguridade cidadá municipais, danos mágoa que modificado tras modificado de crédito nunca apareza un onde se reflicta un acordo para dar cobertura ás necesidades dos bombeiros.
Por todo isto, polos vellos vicios de investir sen proxecto político, por querer anunciar tantas obras antes das eleccións (tendo en conta que aínda temos sen facer as dun modificado e xa imos a por outro de gran calado), pola pouca comunicación coa oposición (falta o día que intenten ou se interesen en chegar a un acordo coa oposición para desenrolar un investimento), porque cremos que Narón precisa máis altura de miras e porque non decilo, porque temos medo de apoiar algunha partida sen poder ter a seguridade de que sería totalmente ética; desta vez vémonos na obriga de cambiar o sentido do noso voto e, sen opoñernos a novos investimentos e moi ao noso pesar, non podemos apoiar en confianza esta proposta do grupo de goberno polo que o noso voto vai ser abstención."