O BNG DE NARÓN PRESENTA VARIAS MOCIÓNS NO MES DE OUTUBRO AO PLENO
Moción do BNG para acabar coa invasora herba da pampa
A Herba da Pampa é moi difícil de erradicar pero non se debe de facer algo por non poder facer todo. É preciso unha campaña de concienciación para que vaia desaparecendo de xardíns particulares e para que as propias administracións actúen e eviten a dispersión das sementes, arrincando as que sexan posibles (arrincar unha vez e volver facelo) .
Moción do BNG. outubro 2020.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Concello de Narón pode considerarse un Concello invadido pola Cortaderia Selloana(máis coñecida habitualmente pola Herba da Pampa ou Plumacho) e isto ten unha orixe:
No ano 1990 o Ministerio de Obras Públicas (MOPU) aconsellaba utilizar a Herba da Pampa nas plantacións de estradas (aínda que era considerada unha especie invasora e estaba, e segue estando, prohibida a súa venda na maior parte de estado español), unhas plantas con “sus espiguillas de aspecto sedoso, con largos pétalos…”, para as partes de dominio público e de taludes.
Xa a mediados do século XX foi considerada una especie invasorapor non estar no seu hábitat natural e, de medrar tan só en zonas de costa pola humidade e proximidade ao mar, pasou a encher superficies moi rápido sendo moi difícil erradicala, coa grave consecuencia de poñer en perigo o ecosistema natural existente. A día de hoxe adaptouse ao frío do noso país e incluso ás xeadas e cada vez é máis frecuente atoparnos con terreos abandonados e beiras das estradas invadidos por esta herba. Hoxe é unha das 20 especies invasoras máis dañinas da península ibérica.
A Herba da Pampa é moi difícil de erradicar pero non se debe de facer algo por non poder facer todo. É preciso unha campaña de concienciación para que vaia desaparecendo de xardíns particulares e para que as propias administracións actúen e eviten a dispersión das sementes no outono, arrincando as que sexan posibles (arrincar unha vez e volver facelo) .
O único xeito é arrancándoa de raíz e, a partires disto, facer un mantemento das zonas cunha sega máis continuada no tempo para evitar que medre e chegue a facer flor, xa que é onde produce as sementes podendo chegar a reproducir 1 millón de exemplares máis cada flor. Pódense usar métodos químicos para a súa eliminación total buscando os que sexan o máis respectuosos co medio. Parece complicado pero hai institucións que levan traballado isto con grandes avances como por exemplo a Universidade da Coruña no seu campus cordinados pola asociación ecoloxista ADEGA.
No noso Concello atopámonos terreos na zona do Polígono do Río do Pozo cheos de esta herba, que chega a alcanzar os 3 metros de alto e reprodúcese moi rápido, tamén en parroquias como a de San Mateo e leiras abandonadas nos barrios urbanos como o da Gándara polo que si non atallamos este problema encheremos o Concello de Cortaderia Selloana
Mesmo o domingo 18 de outubro nunha acción de limpeza da asamblea do BNG comprobamos como a pampa estaba a chegar ao bosque de ribeira do Xuvia e, en zonas do paseo marítimo, xa ten presenza.
O concello aprobou na anterior lexislatura una moción para paliar a invasión pero desde aquela non fixo máis que empeorar. A pampa está a tapar sinais, a cubrir terras fértiles e terreos urbanizados todavía sen edificar están a ser invadidos pola pampa. Por todo isto, instamos aos seguintes acordos
ACORDOS:
1.-O concello de Narón comprométese a levar á mancomunidade a situación e que se elabore un plan comarcal de exterminio do plumeiro da Cortaderia Selloana.
2.-Elaborar desde o concello un rexistro de zonas invadidas pola Cortaderia Selloana
3.- Elaborar un protocolo para axudar a eliminar a Cortaderia Selloana
4.- As parcelas pertencentes ao Concello sexan declaradas libres de Cortaderia Selloana
5.-Evitar prácticas de xardinería que as propaguen
6.-Comezar arrancando as máis sinxelas de eliminar e facer un traballo continuado para evitar a súa propagación
7.-Contactar cunha entidade que traballe e asesore para a súa eliminación como está a facer a asociación ecoloxista ADEGA por todo o país
8.- Realizar campañas de concienciación entre a poboación e cordinados cos colexios e institutos sobre a perigosidade do espallamento do plumeiro da pampa.