Instamos ao goberno municipal a que dote as instalacións de uso público de desfibriladores semiautomáticos
O 40 % das mortes que se producen en Galiza son a consecuencia de paradas cardiorespiratorias, sendo esta a primeira causa de mortandade do noso país. A rapidez coa que se actúa ante este tipo de doenzas é de vital importancia. Ante este problema o desfibrilador externo semiautomático (DESA) convertíuse na mellor solución para responder ante unha parada cardiorespiratoria, podendo actuar nos primeiros 10 minutos desde que se produce esta parada, tempo trascendental no que existe posibilidade de reanimación que para os servizos de emerxencias moitas veces é imposible cumplir.
No concello de Narón atópanse instalados desfibriladores nos edificios municipais como poden ser o concello, pavillóns, campos de fútbol... Aínda así hai moitos locais que non o teñen, coma os locais sociais que existen en todas as parroquias e nos que se realizan actividades lúdicas e culturais para nenos, rapaces e xente adulta.
Por todo iso o BNG levamos a pleno neste mes de febreiro, para o seu debate, unha moción na que solicitamos a dotación de desfibriladores semiautomáticos nos locais sociais e nas distintas instalacións do concello onde se practique deporte regularmente, así como en todas as instalacións de uso público. Ao mesmo tempo é necesario impartir a formación obrigatoria sobre o uso e beneficios destes desfibriladores a todas as persoas responsábeis das instalacións, ou incluso unha rede de formación e información que poida chegar a toda a poboación.