Iniciamos unha campaña para reclamar á Xunta de Galiza unha residencia de maiores PÚBLICA
“Levamos anos reclamando á Xunta de Galiza a través do noso grupo parlamentar que inclúa a construción dunha residencia de maiores pública en Narón no que viven 8.000 persoas maiores de 65 anos e temos só 12 prazas públicas nunha residencia privada, cando a OMS recomenda 5 prazas cada 100 maiores de 65” declarou Olaia Ledo, a nos voceira. A campaña vai ser continuada no tempo “Imos recoller sinaturas para que a Xunta sexa consciente da necesidade, estaremos en diferentes parroquias e barrios para chegar a todas as persoas que queiran asinar e incidir en que a Xunta non discrimine máis á nosa cidade” indica Marta Grandal, a nosa responsábel local.
Esta reclamación non é nova e no parlamento galego é rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular desde hai catro anos. Desde o BNG reclamamos unha nova política que pule por unha vellez digna. Se de algo valeu a pandemia foi para poñer en evidencia o sistema privatizado da Xunta que pon o lucro por riba da saúde das persoas e fai da vellez un negocio.