Denunciamos o estado da Rúa A Solaina e reclamamos melloras na mesma antes da súa recepción

IMG_7613

Visitamos o xoves 7 de marzo de mañá o estado das obras da rúa a Solaina despois de comprobar que entrara por rexistro “a solicitude de tramitación de recepción parcial de FASE #7 da obra “HUMANIZACIÓN RÚA A SOLAINA” para o día 08 de marzo ás 12h.  A nosa avaliación pasa por ver o “desastre” da execución da “obra de humanización”; o ano que leva de retraso e, que a intervención de 700.000 euros iniciais, ten un sobrecuste engadido de 320.000 euros desde a primeira semana.

Denunciamos o estado da Rúa A Solaina e reclamamos melloras na mesma antes da súa recepción

A intervención tiña como obxecto mellorar a accesibilidade peonil e sen embargo preocúpanos que vai ser todo o contrario, hoxe a seguridade das persoas e dos vehículos queda en entre dito e, nin os materiais nin a execución da obra son satisfactorios, só fai falla vir dar unha volta para ver o que perderon os veciños e veciñas” declara Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal. Ademais, Ledo denuncia “que o sobrecuste de máis de 300.000 euros non valeu para que usasen materiais nobres no mobiliario urbano, hoxe os bancos colocados teñen óxido e hai sinais dobradas”.

Desde o BNG, reclamamos que volvan ao espírito do plan director da Solaina no que se dotaba de unidade e congruencia os traballos a desenvolver “nun barrio moi importante para a nosa cidade”. Pola contra, denunciamos a falta de coherencia coa intervención da rúa máis extensa do barrio e  que tantos problemas está a dar á veciñanza. “A falta de transparencia débese a unha moi mala xestión de Tega”.

En definitiva, “reclamamos que as obras non se recepcionen por parte do concello nesta fase 7 cando os acabados, o mobiliario urbano e a mobilidade da veciñanza non é a axeitada para unha inversión de tal calibre”. Así, na visita á rúa, as concelleiras Bea Mosquera e Olaia Ledo comprobaron que “as zonas de aparcamento se afunden, a limitación da plataforma única entre vehículos e persoas viandantes non é clara e pensamos que vai haber máis problemas que solucións se damos por boa unha obra co resultado que vemos hoxe”.

 

 

Denunciamos o estado da Rúa A Solaina e reclamamos melloras na mesma antes da súa recepción