O estado do Área Recreativa de Pedroso é de total abandono e un perigo para as persoas que a visiten

IMG_5767
A situación das zonas verdes do noso concello presentan un grave estado de abandono, que pode incluso presentar algún perigo para as persoas que visiten as mesmas.
O estado do Área Recreativa de Pedroso é de total abandono e un perigo para as persoas que a visiten

Esta fin de semana, os membros do consello local visitaron todas as zonas verdes do concello comprobando o estado de abandono no que se atopan. A Área Recreativa de Pedroso, a ruta dos muíños, a Campa do Oenach do Trece en Sedes, o Paseo Fluvial do Río Freixeiro, así como o da Gándara, serven como exemplo palpable do perigoso que resulta pasear polo noso concello. Todo isto sen falar do estado de moitas das pistas da zona rural, ou das beirarrúas na zona urbana.

Recentemente veñen aparecendo novas na prensa local ao respecto do Plan Anual de Contratación do Concello, nas que se promete unha inversión de 17 millóns de euros para o presente exercicio, coa creación de novos espazos verdes e humanización de outros en diferentes puntos do concello. Dende o BNG de Narón consideramos que é hora de facer política de verdade e deixarse da propaganda e da política ficción que realiza TEGA. Basta con dar un pequeno paseo polo noso concello para atopar innumerábeis desperfectos en calquera das nosas zonas verdes que, en moitas ocasións, poñen en perigo a integridade física da veciñanza.

Dende o BNG consideramos que non se poden sacar notas de prensa con anuncios de novas zonas verdes cando o estado de moitas destas áreas é de abandono por parte da administración, resulta indigno para a cidadanía, sobre todo cando nestas novas se fala de que todo está suxeito á aprobación dos orzamentos, cando nin tan sequera se ten presentado un borrador dos mesmos para o seu estudo e debate.

Desde esta organización consideramos que Narón, a oitava cidade da Galiza, precisa de políticas con maiúsculas, que poñan á cidadanía no centro e resolvan problemas e non de anuncios baleiros e propaganda que nada aportan á nosa cidade.

O estado do Área Recreativa de Pedroso é de total abandono e un perigo para as persoas que a visiten