Propoñemos unha xestión 100% pública da auga tras o fin da concesión de COSMA en 2027
Presentamos unha moción para o seu debate no pleno de Decembro na que instamos ao Goberno municipal a rexeitar a privatización do servizo de auga e apostar por un modelo de xestión directa 100% pública.
O vindeiro 11 de xuño de 2027 finaliza o contrato actual coa empresa mixta COSMA S.A., o que supón unha "oportunidade histórica e ineludible" para que o Concello recupere o control total sobre este ben esencial.
Rexeitamento ao modelo de concesión
A nosa crítica pasa porque o goberno local, baseándose nunha memoria dunha consultora externa, pretenda perpetuar o modelo de externalización mediante un novo contrato de concesión. Segundo Olaia Ledo, este modelo de xestión indirecta deu "malos resultados, como puidemos comprobar aínda máis nos últimos tempos, e prioriza o lucro privado sobre o interese da veciñanza. Nunha xestión pública estaría garantido o reinvestimento público. Levámolo no noso programa e cremos que se abre unha oportunidade se Tega e PP recúan na decisión de facer unha nova COSMA II”
Defendemos as vantaxes da xestión pública considerando que é o momento de facer o mellor para o conxunto das veciñas e veciños de Narón. A moción defende que a xestión directa (a través dunha Entidade Pública Empresarial Local ou unha Sociedade Mercantil Local) é a opción máis sostible e eficiente por tres motivos fundamentais: control Total (permite ao Concello un mando político e técnico inmediato, eliminando conflitos coas empresas privadas); reinvestimento de Beneficios (os superávits xerados pola tarifa non irían a mans privadas, senón que se reinvestirían integramente na mellora da rede e en obxectivos ambientais); transparencia (a xestión pública integra as contas no orzamento municipal, facilitando a fiscalización fronte á "opacidade" das concesións).
Desta maneira, desde o BNG solicitamos ao Pleno que se inicien de inmediato os traballos técnicos para reverter a proposta de concesión e, tamén, que se elabore unha memoria económico-xurídica comparativa. Esta memoria deberá analizar en profundidade os custos de investimento e persoal da xestión 100% pública fronte ao modelo privado, tomando como base os datos reais da liquidación de COSMA. "Non é necesario que o persoal teña que ser funcionario para ter un servizo público como nos quixeron indicar para dicir que era inviábel; existen fórmulas legais que permiten contar co persoal laboral especializado necesario garantindo un modelo 100% público e eficiente", conclúe a nosa voceira.