A MOCIÓN PARA A REAPERTURA DAS ESCOLAS PECHADAS DO CRA DE NARÓN, NOMEADAMENTE A DE PEDROSO, E OUTRA SOBRE A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO MES DAS NOSAS LETRAS SAEN APROBADAS NESTE PLENO.
O BNG de Narón leva ao pleno de maio dúas mocións arredor do ensino e da lingua de suma importancia
As mocións que presenta o grupo municipal do BNG de Narón, chegaron ao pleno deste xoves cos votos xa favorábeis de PsdeG e Tega polo que resultaron tamén aprobadas definitivamente unha vez rematada a sesión. Son dúas mocións (o máximo que en Narón ten permitido cada grupo municipal por pleno e que desde o BNG parécenos insuficiente para poder debatir e achegar propostas) centradas no ensino e na defensa do galego, a nosa lingua propia. Tamén presentaron unha batería de preguntas e rogos ao final sobre mobilidade e indicacións que lle achegan desde a veciñanza para dar a coñecer estas demandas ao grupo de goberno.
A moción da reapertura das escolas do CRA de Narón para o curso 2020 - 2021 é unha demanda social mais tamén englóbase nunha campaña iniciada este mes onde o BNG de Narón escribiu unha carta á propia Carmen Pomar para esixirlle investimento nos colexios de Narón e unha menor ratio do alumnado por aula para o curso 2020 – 2021. Na comisión ficou aprobada cun engádego proposto polo grupo de TeGa para que a Xunta desenvolva un protocolo desde a fase II da desescaldada para a atención dos centros con información detallada ás familias “presentamos esta moción con anterioridade aos grupos de Goberno porque pensamos que era importante estar unidos nisto, nun principio non foi posíbel mais agora houbo colaboración e vai saír aprobada unha moción que cremos moi importante: unha para reabrir escolas como a de Pedroso e outra para manter unha boa ratio e calidade do ensino público. O ensino público é un dereito e é a nosa obriga defendelo dos recortes dos que desde a Xunta nos malgobernan” indica Olaia Ledo, voceira do BNG.
Ademais da moción da escola, presentan unha a prol da lingua galega que pula por unha nova politica lingüística “O galego segue excluído en parte do ensino público e temos un presidente da Xunta que nin tan sequera comparece na lingua propia cando é o seu deber promovela como figura representativa do noso país e como indica o Estatuto de Galiza”
Arredor da mobilidade o resultado é agridoce "viñan de presentarnos un informe técnico onde se indicaba que non garantizaban máis espazo público á veciñanza porque as rúas non estaban masificadas. Nós non o facemos só pola masificación se non por gañar benestar e dereitos para toda a poboación. Temos a oportunidade de mellorar Narón e somos conscientes de que a marxe é ampla para esa mellora arredor das nosas rúas e ordenamento. Desde logo, estamos a disposición de colaborar e intentar uqe o Narón do futuro sexa moito mellor neste aspecto pero de momento atopámonos co muro de alcaldía dicindo que o van estudar, que miran zonas novas pero que seguramente todo fique igual. Palabras baleiras... nós queremos feitos" indican desde o Consello Local do BNG de Narón.