APOIO DO BNG ÁS REIVINDICACIÓNS DA ANPA DO CEIP DA GÁNDARA
O BNG CUALIFICA DE TEMERARIA A PROPOSTA DA XUNTA PARA DEMORAR O INICIO DAS OBRAS AO VERÁN DO 2026
O BNG participou onte na concentración convocada pola ANPA “A Buxaina” do CEIP da Gándara, no Concello de Narón. A nosa responsábel local, Marta Grandal, estivo acompañada pola responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, e máis polo deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández.
Onte mesmo pola mañá trasladouse unha nota de prensa desde a Delegación territorial da Xunta aos medios de comunicación comarcais na que se informaba da intención de licitar as obras no último trimestre deste ano para comezar as obras no verán do 2026.
O feito de coincidir a difusión da nota coa protesta convocada pola ANPA diante do edificio da Xunta de Ferrol, despois de anos sen dar razón ningunha das necesidades do centro, condúcenos a pensar que tiña unha intención claramente desmobilizadora. En balde.
O estado do centro non permite demoras. Sería temerario por parte dos responsábeis manter a actividade ordinaria dun centro no que ademais dos seus 370 alumnos e alumnas, reúnense a diario persoal docente, familias, e outro persoal de servizos.
O centro está caendo, literalmente, ademais de ser habituais as pingueiras no interior do centro, do mal estado do tellado (que é de fibrocemento), das ventás, a falta de espazo cuberto no patio exterior e dos problemas da pista polideportiva.
Son moitos os problemas que acumula o centro e algúns son de tal gravidade que non admiten demoras, polo que o BNG reclamará no Parlamento que se faga unha licitación de urxencia e que se tomen medidas inmediatas que garantan a seguridade de todas as persoas.