Olaia Ledo, Mon Fernández e XM Golpe explícannos en Sedes a alternativa á subida da luz e o boom eólico
Este xoves día 7 organizamos, ás 20h na parroquia de Sedes, un acto informativo para coñecer os efectos e consecuencias da repotenciación do parque eólico Novo e Xosé Manuel Golpe, técnico en enerxías renovables, explicará como temos que ler a factura da luz para comprendela e denunciar en caso de estafa.
“Facemos o acto como un punto de encontro para que os veciños e veciñas saiban dos seus dereitos agora que a luz nola cobran a prezo de ouro” indica Marta Grandal, a nosa responsábel local. O acto estará presentado pola portavoz municipal, Olaia Ledo, e contará coas ponencias do deputado do BNG ao parlamento Galego pola comarca Mon Fernández e o técnico en enerxías renovábeis, Xosé Manuel Golpe.
“O ano pasado as tres principais eléctricas tiñan 6.500 millóns de euros de beneficio e hoxe o MW/h cóbrannolo a 350 € cando xusto hai un ano estaba a 50 €. Temos unha estafa legalizada forrándose os amigos de Feijóo e de Sánchez e a xente ten que coñecer os seus dereitos e o que deberan ser os beneficios para as galegas e galegos cando xeramos enerxía eléctrica a esgalla. Non ten sentido que aquí só quede a contaminación e a factura de luz máis cara do estado” indica Olaia Ledo.
O acto englóbase na campaña que fai o BNG informativa e de recollida de sinaturas sobre a estafa das eléctricas e tamén sobre o boom eólico en Galiza “en principio as repotenciacións é o que se debera primar á hora de novos parques mais iso non significa que a veciñanza non estea informada das consecuencias ou do escaso tempo que ten para facer alegacións” declara Ledo.