Esiximos un Plan Director para Xuvia ante o aumento do vandalismo e o abandono municipal

1e2fc93c-2e6a-4f78-93a7-1c7f024e072a
Reclamamos medidas urxentes que garantan a seguridade e o desenvolvemento do barrio de Xuvia.
Esiximos un Plan Director para Xuvia ante o aumento do vandalismo e o abandono municipal

Desdeo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Narón, presentamos unha moción para o vindeiro pleno municipal co obxectivo de reclamar medidas urxentes que garantan a seguridade e o desenvolvemento do barrio de Xuvia. A formación nacionalista denunciamos unha situación de abandono institucional que culminou nun incremento preocupante de roubos en comercios e garaxes, así como actos de vandalismo e como así denunciou a veciñanza nunha reunión a semana pasada convocada pola AV Altea.

O BNG defendemos que Xuvia é o casco histórico de Narón e un referente cultural. Porén, criticamos que a xestión do goberno local se limitou a "parches" e improvisacións, como o cambio de beirarrúas sen criterios de mellora ou o mantemento de infraestruturas deficientes, como a pérgola da praza do colexio demasiado tempo e, por iso, e “escoitando as demandas veciñais facemos esta moción para levar a Pleno” declara Carballeira, candidato á alcaldía en 2027. "Xuvia é moito máis que un paseo; precisa recursos e un proxecto claro para non repetir episodios anteriores e que ninguén quere", sinala Carballeira.

Na moción reclamamos que na Xunta de Seguridade Local de maio estean convidados a participar todos os grupos municipais e unha representación da asociación veciñal do barrio; un plan director (que xa recollemos no noso programa municipal do 2023) e un Impulso económico, cultural e social con medidas e investimentos no barrio que é en realidade o casco histórico.

Melloras inmediatas

O BNG tamén instamos ao goberno municipal a realizar actuacións sinxelas pero necesarias de xeito inmediato, como a instalación de pasos de peóns, a mellora da iluminación ou o traslado dunha parada de taxis á localización solicitada polo sector.

"Mentres o mundo cambia e outras cidades melloran, en Narón inténtase que todo siga igual o que conleva xustamente ao seu deterioro", conclúe Carballeira.

 

Esiximos un Plan Director para Xuvia ante o aumento do vandalismo e o abandono municipal