A meirande parte do orzamento solicitado para o POS 2021 vai só a gasto corrente
Anteriormente falabamos de que os orzamentos do Concello de Narón parecíannos decepcionantes, o 90 % dos mesmos está adicado a gasto corrente, non hai investimentos para lograr avances no noso concello e crear benestar na veciñanza e, tendo en conta que é un concello coas contas saneadas, gustaríanos ver que se levan adiante actuacións ambiciosas para mellorar infraestructuras, servizos á veciñanza, conservación do patrimonio, axudas directas a quen o está a pasar mal nesta pandemia, etc...
Na comisión de contas deste mes un dos puntos da orde do día era a solicitude do POS 2021. Outra decepción, xa que case o 50 % do orzamento vai para partidas de gasto corrente, e non se modifican os orzamentos para incluír novos investimentos. Obras como o muíño de Xuvia foron cofinanciadas xa hai anos a proposta do BNG e hoxe aínda están coa licitación a voltas. Alegrámonos iso si dalgúns investimentos novos como as necesarias instalacións ao clube de piragüismo.
Outro punto a tratar foi a solicitude do POS adicional que a Deputación da Coruña puxo en marcha para financiar gastos sociais extraordinarios. Mostramos tamén a nosa decepción neste caso co goberno municipal xa que botamos en falta novas liñas de traballo moi necesarias,ou reforzo das mesmas, pois aproveitan unha modificación de Decembro do POS adicional para non ter que crear novos servizos e úsano para relaxar a parte correspondente do financimaneto municipal nas horas xa concedidas no servizo de axuda no fogar.
O Grupo Municipal do BNG consideramos que un concello coma o noso, coas contas saneadas e uns orzamentos de 34 millóns de euros, debería incluír nos seus orzamentos unha maior cantidade de investimentos tan necesarios no rural, no patrimonio, no laboral e no social. Non entendemos como non se aposta pola creación dun CIM (Centro de Información a Mulleres) e non se levan a cabo máis reforzos dos servizos necesarios para paliar as situacións sociais agravadas pola crise que estamos vivindo por mor da pandemia da COVID-19. A única explicación é que estamos ante un goberno con desidia e despreocupación ou con poucas capacidades de resposta necesaria.