Insistimos na perigosidade das Estradas de San Xiao e o Feal
As estradas DP5401 (Estrada de San Xiao) e DP5407 (Estrada do Feal) son dúas das estradas do Concello de Narón con moito tránsito de vehículos pola cantidade de vivendas que hai nelas e porque son dúas vías de comunicación importantes entre a Estrada de Castela e a Estrada de Cedeira.
En calquera das dúas atopámonos cunha situación moi perigosa, tanto para peóns como para condutores, que é a INEXISTENCIA DE BEIRARRÚAS. Paseando pola estrada comprobamos como os automóbiles se teñen que meter ao medio da estrada, ou incluso ao outro carril, para non atropelar aos peóns, e os peóns parar de camiñar por non ter tampouco arcéns ou espazos onde poder apartar da calzada.
O ancho das estradas non permite circular peóns e automóbiles ao mesmo tempo, pero tampouco a Deputación pon solución a isto.
A Asamblea do BNG de Narón solicitou do Goberno Municipal do Concello de Narón, xa en en Decembro de 2020, que instase á Deputación a poñer solución a todo isto e nada se fixo, polo que de novo voltamos a incidir no mesmo. O Concello é a administración máis próxima á veciñanza e a que ten que mirar polos seus intereses.