A desidia do goberno municipal leva á demora nas axudas á hostalería
O Grupo Municipal do BNG de Narón intentamos facer unha oposición o máis construtiva que se pode, escapando das demagoxias do goberno. Nesta liña de oposición construtiva o pasado mes de Abril do 2020 presentamos ao pleno un conxunto de medidas para paliar os efectos da pandemia da COVID-19, entendendo que o mellor xeito de facelo era poñendo solucións enriba da mesa entre todos os grupos políticos e trazar unha liña de actuación que axudara ás nosas veciñas e veciños.
Unha das medidas que para nós era moi importante considerar para paliar os efectos do confinamento (e as restricións derivadas do mesmo) era a necesidade de reducir ao mínimo algunhas taxas ás empresas que se viron obrigadas a pechar, como a da auga, o lixo e a da ocupación do chan municipal das terrazas para a hostalería. Por aquel entonces o grupo de goberno rechazou a nosa proposta alegando que xa estaban en marcha parte do qie expoñíamos ou incluso dicindo que algunhas delas non eran necesarias.
"Sabemos que a situación da hostalería non é culpa do concello, que está provocada polas restricións da Xunta de Galiza e non ven acompañada de axudas suficientes para o sector, mais si temos oportunidade de defender aos nosos negocios debemos facelo pois debemos entender que son un sector clave para vitalizar e dinamizar os barrios que, no caso de Narón, vemos como algún está a pasalo mal desde hai anos e con esta crise sanitaria agravouse a súa situación", afirma o noso concelleiro responsábel de facenda, Geno Carballeira.
A posición do BNG fronte á situación de maltrato inxusto que está a sufrir o sector da hostalería é ben clara, pedindo un acordo entre a Xunta, as Deputacións e os Concellos para chegar a compensar ata un 70 % aos sectores máis desfavorecidos e que máis están sufrindo esta crise. Eso sí, facendo un acordo xusto, cun esforzo orzamentario igualitario entre administracións onde todas poñan o mesmo porcentaxe do seu orzamento total, "non como está a ofrecer o goberno da Xunta propoñendo facerse cargo dun 50 % das axudas, un 30 % as Deputacións e un 20 % os Concellos, cando o orzamento da Xunta é seis veces maior que a suma dos orzamentos de todas as outras administracións", aclara Geno Carballeira.
No pleno do mes de febreiro, case un ano despois, o Goberno Municipal accede a deixar sen validez para o ano 2021 a taxa por uso do dominio púbico das terrazas e aplicar carácter retroactivo ao 2020, cousa que nós apoiamos xa que levamos máis de 10 meses reclamándoa, pero non podemos deixar de botarlle en cara ao goberno que lle coste tanto tomar decisións que ao final acaba lexislando tarde e mal.
O BNG non nos centramos na crítica e intentamos atopar unha solución legal mellor para ofrecerlle ao concello pero, chegados a este punto, debido á desidia do grupo de goberno, xa non queda outra máis que arriscarse e seguir adiante apoiándoos para así apoiar tamén a nosa hostalería.