EN NARÓN NON TEMOS ALTERNATIVA PARA CONCILIAR CON NENAS E NENOS DE IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 0-2 ANOS
Escolas infantís pechadas : non conciliación para as familias
"O ensino é un dereito e non un privilexio". Esta frase parace non estar de moda nos poderes públicos na fase post covid o que fai que sexa máis necesario que nunca repetila. Ademais é un lema que tamén se debe aplicar en franxas de etapa de 0-3 anos e, a Xunta de Galiza, leva tempo esquecendo isto.
En Narón non podemos permitir que moitas familias se vexan así imposibilitadas de conciliación por mor dunhas medidas que non son sociais nen xustas: escolas infantís pechadas, colexios que o ano que vén non desdobran aulas nen van ter máis profesorado se non o reclamamos ou negocios comos os centros de ocio pechados no concello polas medidas impostas son só tres exemplos do que está a pasar coa mal chamada "nova normalidade" que implica máis precariedade e menos benestar para a cidadanía. Un concello, como administración máis cercana ten que aportar solucións, reclamar e non quedar nun "non se pode facer nada"
A Xunta de Galiza non permite a apertura das escolas infantís ata o mes de setembro, polo que tampouco é posíbel abrir as municipais. Unha medida controvertida coma moitas outras, porque no noso Concello tamén contamos cunha escola infantil pública do consorcio, quedando as familias usuarias da mesma sen a posibilidade de conciliar.
Os concellos unha vez máis víronse coa necesidade de asumir responsabiliadades que lle corresponden a outras administracións mais é necesario pensar na veciñanza e idear propostas factibles "un concello que SI está a dar exemplo é o de San Sadurniño, concello BNG onde ofertaron a todas as familias do concello usuarias da escola infantil, un servizo de canguraxe a domicilio onde as nenas e nenos están cunha mestra que os atende nas horas de traballo das persoas titoras e, ao mesmo tempo, seguen coa ensinanza que tiñan na escola. En Narón, un concello máis grande e cuns orzamentos moito máis elevados, debería ter plantexado solucións" indica Olaia Ledo, voceira municipal.
Desde o BNG sabemos que non é a solución ideal, xa que a socialización que tiñan na escola co restos das crianzas é algo moi importante, pero sí unha gran axuda para os meses de verán e post-confinamento nos que non hai a posibilidade de que asistan á escola. Desde o BNG de Narón reclamamos que o concello non bote balóns fora tampouco e quede cun "nós non temos a culpa" se non que artelle posíbeis alternativas. Tamén reclamamos que se acheguen acordos cos centros de ocio infantil pechados que agora non poden abrir coas condicións esixidas pola Xunta de Galiza e que sería tamén unha posibilidade de conciliación a maiores dos acampamentos. "Un Concello coas contas saneadas como é o noso debería ofrecer ás veciñas e veciños a posibilidade dunha conciliación en todas as franxas de idade das crianzas", afirma Geno Carballeira, concelleiro do BNG.