Regulamento de participación cidadá dende o punto de vista do BNG
Dende o BNG coidamos que a participación cidadá no ámbito político-administrativo, ademais de ser un dereito fundamental da cidadanía, é unha ferramenta indispensábel para o bo funcionamento da democracia.
Dende o BNG coidamos que a participación cidadá no ámbito político-administrativo, ademais de ser un dereito fundamental da cidadanía, é unha ferramenta indispensábel para o bo funcionamento da democracia e das administracións, especialmente sendo os concellos as administración máis próximas onde a comunicación coa veciñanza e a confianza na mesma para a toma de decisións debe de ser unha prioridade.
O pasado xoves, no pleno virtual que se celebrou en Narón, un dos puntos a tratar era o Regulamento de Participación Cidadá, "regulamento moi básico que dá saída de forma correcta aos dereitos legais da veciñanza do concello, pero fica lonxe de mellorar a participación cidadá deixando moita marxe a un goberno que en Narón non se está a esforzar moito por manter relacións coas veciñas e veciños, xente á que pretende representar". Estas son palabras do noso concelleiro Geno Carballeira na súa intervención, despois de terse informado de que este regulamento non foi presentado debidamente ás asociacións e nin sequera foi debatido como debería no Consello de Participación Cidadá
O BNG presentou unha emenda a este regulamento, algo moi básico dende o noso punto de vista, e lóxico e necesario, que sería permitir a intervención dos colectivos convidados antes do debate e votación do punto a tratar e do que teñan solicitada esa intervención, e nón ao final do pleno cando xa todo está decidido. Dende o momento no que non se acepta a inclusión desta emenda no regulamento vese claramente "que non hai vontade por parte do goberno de Narón para mellorar a participación cidadá, quedando tristemente demostrado o desinterese de que funcione". Remata a intervención Geno Carballeira dicindo que "é unha falta de respeto absoluta a que se demostra pola participación dos colectivos cidadáns quedando ésta restrinxida á opinión pública de decisións xa tomadas".