DESDE O BNG INICIARON UNHA CAMPAÑAQUE ESTÁ A SER RECIBIDA CON ENTUSIASMO POLAS ENTIDADES INFORMANDO E ENTREGANDO CARTELERÍA CON ESTA SINALÉTICA
Reclamamos que o concello invista en sinalética adaptada para persoas con transtorno do espectro autista (TEA)
O BNG de Narón presenta unha moción para o seu debate no pleno de abril que reclama a colocación de sinalética adapatada ás persoas de espectro autista. Reclamamos a inclusividade coma un dereito e que se teña en conta a accesibilidade cognitiva a través de pictogramas informativos para que as persoas con diferentes capacidades poidan comprender os diferentes espazos nos que se moven e favorecer a súa autonomía persoal e toma de decisións.
“Os edificios públicos, os lugares polos que nos movemos teñen que ser abertos a calquera, ter pictogramas que favorezan a inclusividade e accesibilidade cognitiva nos
edificios públicos, parques e rúas de Narón é un punto de inflexión para termos a cidade de todas e todos. Non só é necesaria a sinalética, se non tamén atender os
ruídos, olores, iluminación máis toca comezar por algo sinxelo. Esperamos que sexa favorábel esta moción que foi aprobada en comisión coa abstención do resto dos
grupos” afirma Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.
A moción que presentamos expón que a participación social en igualdade de condicións pasa por garantir contornas accesíbeis e comprensíbeis eliminando aquelas barreiras
que o impidan, evitando así situacións de discriminación. Para iso os equipamentos teñen que ser inclusivos; a oferta adaptada e os recursos complementarios necesarios
para conseguilo estar perfectamente implementados. Esta moción e unha máis das que estamos a presentar cada mes para poder conseguir “o mellor Narón no que todas as persoas poidamos desfrutar independentemente da nosa condición”. Algunha destas mocións xa foi aprobada como é o caso de formar parte das “cidades que camiñan”, a retirada de cabinas telefónicas en desuso, a compra e arranxo do muíño das Aceas ou o control da herba da pampa “vemos como moitas das nosas mocións aprobadas aínda hai que facerlles un seguimento como pode ser o das cabinas e a herba da pampa pero para nós é un orgullo que Narón sexa unha `cidade que camiña´ e comece a dar pasos nese sentido grazas ao traballo do BNG e a dar o debate no concello”, declara Ledo.