Aprobada a nosa moción que reclama a retirada das cabinas e mobiliario en desuso
Desde hai máis dun ano estamos levando a cabo unha campaña para promover unha cidade inclusiva, propoñemos agora que os elementos urbanos instalados que non cumpran o papel para o que foron realizados sexan retirados do espazo público naronés. Facémolo presentando unha moción municipal para o seu debate no pleno de decembro.
Hoxe aprobouse a moción do BNG que reclamaba a retirada das cabinas en desiso. As cabinas telefónicas cumpriron unha misión determinada e prestaron un servizo á veciñanza que agora, grazas ao avance da tecnoloxía, non é necesario. Por iso, desde o BNG de Narón denunciamos as incomodidades ou a non accesibilidade que provocan nos espazos habilitados para camiñar “Só fai falla dar unha paseo pola Estrada de Castela para saber do que falamos. Lugares no que nos atopamos unha marquesiña pechada, unha árbore e unha cabina telefónica non son casos aillados. Se non nos teñen en conta que nos digan logo por onde ten que ir unha persoa cun carriño ou alguén en cadeira de rodas ou mobilidade reducida. En Narón as persoas que non van en coche sortean cada día unha ´gincana´ de obstáculos” afirma Olaia Ledo, a nosa voceira municipal.
Por todo isto, presentamos unha moción no pleno de decembro para que o concello aprobe xestionar a súa retirada “se eles non se preocupan xa o facemos nós, e se non fose aprobada presentarémola de novo até conseguilo. De feito, pensamos que sería a mellor entrada do concello na agrupación das ´Rede de Cidades que camiñan´ da que xa formamos parte tamén grazas a unha moción presentada por nós” incide Ledo.