Pedimos solucións para as vivendas de Piñeiros afectadas por alugueiros da Sareb

Debatiremos en pleno a proposta do BNG de que o concello de Narón solicite á Sareb unha reunión urxente coa finalidade de asinar un convenio de cesión de vivenda á localidade
Pedimos solucións para as vivendas de Piñeiros afectadas por alugueiros da Sareb

No concello de Narón varias familias, que residen en réxime de alugueiro nunha serie de bloques de vivendas na Praza do Asilo do barrio de Piñeiros, agora propiedade da SAREB, recibiron a finais de novembro do 2021 notificación do xulgado para o desaloxo das súas vivendas antes do día 2 de decembro. Estas notificacións individuais do Xulgado de Primeira Instancia de Ferrol fixaban a data de lanzamento da vivenda e advertían aos veciños e veciñas de que todos os enseres que alí houbera serían considerados bens abandoados a todos os efectos. A sorpresa para estes veciños e veciñas foi maiúscula, pois foi nese momento en que os arrendatarios, que viñan abonando de forma regular as contías acordadas, tiveron coñecemento por primeira vez de que as vivendas pertencían á SAREB. Segundo as informacións recabadas, as dilixencias do desafiuzamento iniciáronse en maio de 2019 e a finais dese mesmo ano a titularidade pasou a mans da SAREB. Incluso algúns dos contratos de alugueiro vixentes foron asinados con estas sociedades con data posterior a esa cesión.

Despois disto a veciñanza das vivendas afectadas xuntáronse para reclamar axuda ás diferentes administracións e desde o grupo parlamentar do BNG se fixeron preguntas no Congreso dos deputados e no Parlamento galego, reclamando a este último que chegara a un acordo coa SAREB para a cesión das vivendas. E facémolo baixo varias premisas:

1. Tendo en conta que estes edificios son da SAREB e que esta sociedade está conformada por capital público do Estado resulta inaceptable que se permita o desafiuzamento destas 15 familias. Dende o Bloque Nacionalista Galego entendemos que estas prácticas antisociais non son admisibles en ningún caso, pero moito menos por parte dunha entidade pública. Por iso entendemos que esta debe subrogarse nos contratos ou asinar uns novos co fin de garantir a continuidade dos inquilinos.

2. Consideramos que as políticas respecto dos activos propiedade da SAREB deben ir máis alá. As vivendas da SAREB, na medida en que son activos sufragados con débeda pública do Estado, deberán pasar a incorporarse no parque de vivendas públicas, neste caso a través do IGVS.

Narón, con maiores recursos e persoas técnicas cualificadas no concello que outros municipios que están a realizar estes trámites para comezar a xestión e reclamación para dar inicio a unha bolsa de alugueiro municipal,  debe contactar xa coas administracións e coa propia SAREB para manter os alugueiros das familias afectadas en Piñeiros e tamén crear unha bolsa de alugueiro social para outras vivendas hoxe na SAREB no noso concello.

Por todo isto SOLICITAMOS

1.-  Que o concello de Narón solicite á Dirección de Xestión de vivenda Asequible e Social da SAREB unha reunión urxente co fin da elaboración dun convenio de cesión de vivendas á administración local

2.-  Que unha vez iniciados os trámites o concello contacte directamente co Instituto Galego de Vivenda e Solo para que parte das 167 vivendas propiedade da SAREB sexan subrogadas e se asinen novos contratos ben mediante cesión ou ben mediante a subrogación dos contratos para logo incorporar á bolsa de vivenda pública de Galiza.

 

Pedimos solucións para as vivendas de Piñeiros afectadas por alugueiros da Sareb