As estradas de San Xiao e o Feal representan un grave perigo para peóns e condutores
As estradas DP5401 (Estrada de San Xiao) e DP5407 (Estrada do Feal) son dúas das estradas do Concello de Narón con moito tránsito de vehículos pola cantidade de vivendas que hai nelas e porque son dúas vías de comunicación importantes entre distintas parroquias.
Pola estrada de San Xiao moita xente da zona de Xuvia e do concello veciño de Neda fai o seu percorrido diario para ir ao seu posto de traballo no Polígono do Río do Pozo, o máis grande da comarca e dos máis grandes do país, ademáis de ser unha vía de comunicación coa parroquia de Castro, que está situada na estrada de Cedeira.
O firme desta estrada está afundíndose nalgún dos seus tramos e ten algunha fochanca, a maleza ocupa parte da vía, as gabias están sin limpar,etc...
E aínda por riba atopámonos cunha situación moi perigosa, tanto para peóns como para condutores, que é a INEXISTENCIA DE BEIRARRÚAS. Paseando pola estrada comprobamos cómo os automóbiles se teñen que meter ao medio da estrada para non atropelar aos peóns, e os peóns parar de camiñar, ou incluso meterse nas gaibas en sitios onde poden estar un pouco limpas, por medo a ser atropelados.
O ancho da estrada non permite circular peóns e automóbiles ao mesmo tempo, pero tampouco a Deputación pon solución a isto. Aínda por riba é unha estrada con moitas curvas sen visibilidade, estreitándose máis nalgunha destas zonas.
É verdade que no último tramo, chegando á estrada de Cedeira (AC-116), sí se construíron beirarrúas pero agora mesmo tamén é difícil camiñar por elas polo seu excaso mantemento, nace a herba polo medio das lousas e chega incluso a levantalas.
A estrada do Feal (DP5407) é un enlace importante para a xente da zona do Ponto e Piñeiros coa estrada de Cedeira, cruzando directamente á estrada de Cedeira dende onde se accede ao Polígono do Río do Pozo, ao das Lagoas, á zona de institutos e ao Colexio do Feal.
Esta estrada atópase na mesma situación que a de San Xiao, os peóns co medo de ser atropelados e os automóbiles tendo que ocupar a estrada enteira para non facelo, incluso nalgún dos seus tramos o seu ancho é moi xusto si se cruzan dous automóbiles.
Nesta estrada vemos a deixadez da Deputación, teñen moito adiantado tendo en conta que a totalidade da veciñanza cedeu terreo para arranxala, quedaron sen o terreo e non se fixeron os traballos precisos para solucionar os problemas da mesma.
Aínda por riba non están diferenciados os dous carrís, non está pintada e o seu firme atópase deteriorado en todo o seu percorrido. Cando transitamos por ela en vehículos a motor nótase que se afunde, pero se a percorremos en bicicleta, por exemplo, aínda podemos notar máis os golpes provocados por estes afundimentos.
Podemos falar tamén do excaso mantemento das beirarrúas que, igual que na estrada de San Xiao, se construíron no seu último tramo chegando á estrada de Cedeira, a herba nace na beiravía e polo medio das lousas.
Pero o peor de todo neste caso é a accesibilidade. Por onde pasan os viandantes que vaian nunha cadeira de rodas, ou que leven un carriño de bebé?
A Asamblea do BNG de Narón solicita do Goberno Municipal do Concello de Narón o seguinte:
SOLICITUDE:
- Instar á Deputación da Coruña a que realice os estudos pertinentes para a comprobación da perigosidade que teñen tanto os peóns coma os condutores ao transitar por estas estradas e darlle solución o antes posíbel.
- Instar á Deputación da Coruña á construcción de beirarrúas nestas dúas Estradas, DP5401 e DP5407.
- Instar á Deputación da Coruña a facer o mantemento correspondente nestas Estradas.