As eivas da Ruta dos Muíños non se arranxan con propaganda
Desde o BNG de Narón queremos denunciar a deixadez e falta de capacidade do Concello de Narón para solucionar os problemas indicados reiteradamente polo BNG desde hai meses na Ruta dos Muíños de Xuvia. Tamén mostramos a nosa preocupación polos reiterados intentos desde o concello de tapar as diferentes eivas con simple propaganda.
O pasado martes día 8 de decembro, o Concello organizou unha actividade á que denominou Ruta Medioambiental pola Ribeira do Río Xuvia, "co obxetivo de sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre o problema da contaminación marítima e, ao tempo, dar a coñecer o patrimonio natural", segundo información da nota de prensa do concello. A actividade consistía en facer a ruta con monitores que guiasen aos participantes pola mesma, comezando no Muíño de Xuvia, facendo recollida de residuos e a catalogación de algunha intervención a realizar.
Desde o BNG consideramos positivas este tipo de actividades de concienciación mediambiental, así como outras que se están a desenvolver dentro do programa Narón aberto ao Mar, coa participación do Galp Golfo Ártabro, na que participan diferentes colectivos, asociacións e entidades públicas.
A aposta do BNG pola rexeneración da nosa ría e ríos é clara e fonda, por iso temos feito actividades deste tipo durante os últimos meses, concretamente a última no mes de outubro. Por isto, varios compañeiros do BNG decidiron participar nesta actividade organizada polo concello, co fin de axudar a recoller lixo e mellorar os espazos medioambientais da contorna.
Nos últimos 6 meses o Bloque Nacionalista de Narón fixo dúas xornadas de limpeza coa finalidade de denunciar as deficiencias e perigos atopados na Ruta dos Muíños, dende o Muíño das Aceas ata a Presa do Rei. Estas deficiencias foron rexistradas no Concello para que se procedese a darlles solución, todas elas documentadas con imaxes.
Os compañeiros do BNG que participaron nesta ruta puideron comprobar no transcurso da mesma (como xa sabíamos) que a maioría das deficiencias non foron arranxadas ou empeoraron:
- A cartelería segue deteriorada, sen arranxar ou mudar.
- Hai postes de sinalización deteriorados.
- O firme está cheo de socabóns, regos, pozas, e zonas inundadas que dificultan a accesibilidade e limitan o seu goce a grandes sectores da veciñanza.
- Segue habendo zonas inseguras con posibilidade de caídas sen medidas de seguridade, e o peor de todo, algunhas que se están instalando xa están deterioradas antes de rematar os traballos.
- A situación de abandono na contorna do Muíño de Xuvia segue empeorando, cando supostamente tiñan que estar comenzadas as obras de rehabilitación.
Mención aparte merece a situación do refuxio de pescadores que se atopa ao pé da Presa do Rei, e que foi un dos puntos onde máis insistiu o BNG sobre o seu estado de abandono e sobre o seu impacto na imaxe da ruta. Este edificio está nun estado totalmente ruinoso, queimado e cheo de lixo en toda a súa contorna (roupa, colchóns, cadeiras, plásticos, botellas, caixas...), e agora ocupado por unha persoa en exclusión social. Por parte da organización da actividade, sorprendentemente, propónselle aos participantes na mesma recoller os refugallos e voluminosos que o concello non foi quen de recoller nestes meses. Os nosos compañeiros participaron na recollida, mais non deixaron de manifestar unha sensación de total impotencia, intrusismo e incomprensión a esta actuación totalmente fóra de lugar nunha actividade do concello.
Desde o BNG seguiremos loitando por conseguir un Narón Mellor para todas e todos. E por iso aportamos solucións e damos a coñecer a situación no parlamento galego e mesmo no congreso reclamando a rexeneración da ría.