O BNG presenta unha moción no pleno de setembro para que os campamentos municipais infantís de verán non discriminen por razón de discapacidade ou diversidade funcional.
O pasado 8 de Xuño unha nai dun neno con diversidade funcional quixo apuntar ao seu fillo nun campamento organizado polo padroado da cultura do concello de Narón. Desde o concello, despois de poñerse en contacto e comprobar que no padroado non se reunían as condicións, non se lle facilitou a posibilidade de cursar nalgunha das prazas dos campamentos municipais de Narón. Esta discriminación levou á nai da crianza a acudir á valedora do pobo.
O BNG despois de asesorármonos con entidades que traballan con menores con discapacidade e falar varias veces con responsábeis municipais, presentamos unha moción “para que se creen uns pregos ou as condicións para que a igualdade para acudir a un campamento realizado polo concello de Narón sexa unha realidade e todas as familias teñamos o mesmo dereito á conciliación” indica Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.
Desde o BNG de Narón comprobamos que o acontecido vulnera o artigo 7 da Convención internacional dos dereitos das persoas con discapacidade, e tamén o artigo 30.5 da Convención (dereito ao ocio e ao esparcimento) ao non terse adaptado a administración, local neste caso, ás medidas necesarias para asegurar os dereitos dos menores con discapacidade. Esperamos que máis grupos se unan a unha necesidade real “todas e todos melloramos con esta moción se sae aprobada porque o único que pretendemos é igualdade de oportunidades. Facémola porque despois de consultar non vimos movemento ao respecto. Un neno foi discrimado mais non ten porque volver a acontecer se se aprende de concellos próximos ou se mudan os regulamentos do concello” afirma Ledo.