O convenio entre o concello e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra precisa dunha actualización.

A  nosa portavoz municipal, Olaia Ledo, e varios membros da organización, reuníronse coa presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra para falar das cousas que se poden mellorar nas relacións entre o Concello e a entidade.

O convenio entre o concello e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra precisa dunha actualización.

A condición de persoa xorda na actualidade supón unha limitación no desenvolvemento social, laboral e da vida diaria, ademais dunha maior dificultade de integración, debido ás barreiras comunicativas da lingua. A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF) perfílase como o único recurso comarcal específico para persoas xordas, familias ou entidades que requiran o uso dos servizos da asociación. As persoas xordas empregan a Lingua de Signos para comunicarse; deste xeito, ir ao banco, ao servizo de emprego, facer xestións coa administración, solicitar un seguro do coche, asistir a unha reunión da escola do seu fillo/a, acudir a unha entrevista de emprego, ao médico, a urxencias... convértense nunha odisea se non dispoñen dun intérprete.

    A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra ten un convenio asinado co Concello de Narón cuxa finalidade é fomentar a plena igualdade e inclusión social das persoas xordas a través do seu empoderamento persoal, a eliminación das barreiras de comunicación e todas aquelas accións que procuren o seu pleno desenvolvemento como membros activos/as da sociedade. A AXF proporciona un vehículo de comunicación entre persoas xordas e oíntes a través da Lingua de Signos, así como a orientación e mediación dos/as usuarios/as.

     O convenio co Concello de Narón leva anos sin ser actualizado e inclúe unha serie de requisitos que á asociación cada vez lle resulta máis difícil cumprir si non chega esa actualización.

     Desde o BNG pedimos ao goberno municipal de Narón a actualización deste convenio nos termos que solicita a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra; tendo en consideración que un ou unha intérprete nos actos públicos sexa considerado un extra, e a necesidade de que o acompañamento dese ou desa intérprete sexa un servizo á comunidade de persoas xordas de Narón para o acceso aos servizos relacionados coa súa vida diaria, sendo este último un servizo público.

O convenio entre o concello e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra precisa dunha actualización.