O BNG PRESENTA INICIATIVAS NO CONGRESO E NO SENADO CO OBXECTIVO DE PROTEXER E DAR SOLUCIÓN ÁS 15 FAMILIAS AFECTADAS EN NARÓN QUE DESCOÑECÍAN QUE OS SEUS ALUGUEIROS PERTENCÍAN Á SAREB.
O BNG reclama á Xunta e goberno español solucións para as 15 vivendas de Piñeiros desafiuzadas polo SAREB
O BNG pregunta no congreso se o Goberno é coñecedor da situación das 15 familias ameazadas co desaloxo das súas vivendas e se realizará xestións para paralizar o desafiuzamento. No parlamento galego reclama que a Xunta medie xunto o concello de Narón e comece unha reclamación para que estes activos pasen ao IGVS (Instituto Galego de vivenda e Solo) co obxectivo de dar continuidade aos alugueiros que tiñan e que non haxa desafiuzamentos.
O BNG de Narón, despois de contactar coas familias afectadas, presentou hoxe na sala de prensa do concello as iniciativas que levou ao Congreso e Senado pola situación de vulnerabilidade na que se encontran estas vivendas (hoxe en réxime de alugueiro). As persoas afectadas pagaban a sociedades e contratos asinados a través dunha inmobiliaria de Narón e descoñecendo a pertenza ao SAREB das propiedades desde 2018. “Sabemos que o concello como administración máis próxima ten que velar por unha solución pero a Xunta ten competencia e debe esixir ao SAREB que pare o desaloxo indefinidamente e, o goberno do estado, regular de maneira definitiva unha problemática que pode acontecer en calquera lugar” indica Olaia Ledo, voceira do BNG de Narón. Así mesmo, Alexandra Fernández, deputada e responsábel de vivenda no parlamento galego polo BNG declara: “denunciamos que a situación destas 15 familias de Narón é completamente inxusta polo descoñecemento do que estaba a pasar cando eles pagaban puntualmente o seu alugueiro. Unha sociedade como a SAREB que está conformada con cartos públicos do Estado; é dicir, de todos e todas, non pode actuar desta maneira e por iso hoxe rexistramos no parlamento galego e onte no congreso iniciativas con propostas de solución”
De feito, o BNG presenta as iniciativas no congreso solicitando que o Estado actúe e paralice este desaloxo como a nivel do parlamento galego “a Xunta ten as competencias en materia de vivenda e ten que mediar solicitando ao estado e a SAREB que estes se subroguen nos contratos ou asinen uns novos co obxectivo de dar continuidade aos alugueiros destas 15 familias” incide Alexandra Fernández.