Aprobadas as mocións do BNG para a adquisición do Muíño das Aceas e de apoio aos produtos galegos

Presentamos dúas mocións ao último pleno do ano do Concello de Narón, unha para a adquisición do Muíño das Aceas e outra para incluír o apoio aos produtos galegos na campaña de comercio, e incluso alongala no tempo, non só facela no Nadal, e as dúas foron aprobadas por unanimidade.

 
Aprobadas as mocións do BNG para a adquisición do Muíño das Aceas e de apoio aos produtos galegos

O Grupo Municipal do BNG presentamos dúas mocións no último pleno municipal naronés do ano cos informes favorábeis das comisións e xunta de portavoces. Unha xa se comezou a levar a cabo e era a de incluír na campaña de apoio ao comercio local a posta en valor dos produtos galegos e do sector primario “En Narón temos un sector primario importante que está a esmorecer pola falta de axudas e polos impedimentos que hai desde outras administracións. A situación da pandemia afectou enormemente e pedimos que esta campaña se prolongue durante todo o ano porque é poñernos en valor a todos e todas, porque é dar vida á nosa cidade” indica Olaia Ledo, a nosa voceira municipal.

Aprobouse tamén a moción pola recuperación do Muíño das Aceas, unha moción que no anterior pleno (sendo idéntica) o grupo de goberno votara en contra “Consideramos positivo que Terra Galega decidira nesta ocasión apoiar a moción que non fora aprobada, cremos que por unha confusión telemática e sabíamos que sumándose un faríao a outra pata do goberno. O muíño das Aceas é a historia non só de Narón se non de toda a comarca que viviu grandes momentos no periodo da Ilustración” declara Ledo. Desde o BNG tamén agradecer que se puxera xa sobre a mesa reunir a todos os grupos arredor desta adquisición para a segunda quincena de Xaneiro de 2021.

Aprobadas as mocións do BNG para a adquisición do Muíño das Aceas e de apoio aos produtos galegos