Narón ante o inicio do curso escolar
O BNG vén de reunirse no parlamento con diferentes sectores do sistema educativo e cunha reunión presencial coas diferentes federacións de ANPAS públicas para preocuparse e reclamar medidas acaídas para un inicio de volta ás aulas SEGURO. No BNG de Narón, através do noso grupo municipal tamén fixemos o noso traballo solicitando, máis unha vez, información ao concello e reclamando diferentes cousas. O grupo de goberno púxose en contacto con nós e dixo que ía valorar as ideas e informarnos nos vindeiros días. Desde o BNG consideramos que deberíamos facer unha declaración institucional pola demora en información da Xunta de Galiza que non se vai dar até setembro e presumíbelmente até o día 7 (cando comezan as aulas o 10), ou unha rolda entre todos os grupo municipais con presenza dos seus voceiros/as para enfatizar a situación na que se atopan moitas familias do noso concello. Ademais, pedimos que o concello apoie as posíbeis mobilizacións que se barallan antes do inicio do curso.