O BNG de Narón reclama que non se bloqueen os remanentes dos concellos e a derogación da Lei Montoro
O BNG, ante a situación de incertidume que se está a xerar por mor dos fondos das Administracións locais, veuse na obriga de presentar unha moción no Pleno do mes de xullo para instar á Xunta de Galiza a solicitar do Goberno do Estado a derogación da chamada Lei Montoro.
Nestes días a FEMP (Federación Estatal de Municipios) e o Goberno pretenden dictaminar un acordo no que os concellos deben contribuir a desenrolar unha movilidade sostíbel, a axenda urbana e as políticas de cuidados e apoio á cultura. Todo isto o que quere dicir é que o Estado pretende dotarse de liquidez cos remanentes municipais. O organismo que a nós nos representa como país, a FEGAMP (Federación Galega de Municipios), non está dacordo con este dictamen. Xa ven de vello a proposta do municipalismo galego da flexibilización na utilización do remanente e superávit municipal, proposta feita xa no mes de novembro.
Levamos anos pedindo a derogación da Lei Montoro, que só permite que os concellos coas contas saneadas, e que teñan superávit, empreguen este remanente en inversión sostíbel, ao mesmo tempo que non poden endebedarse. "Non volvamos a cometer os mesmos erros que na crise de 2008", comenta Olaia Ledo, portavoz do BNG, "permitamos que se desbloqueen os remanentes dos concellos para que poidan destinarse á reactivación económica, a financiar servizos ou ás prioridades que se estimen en cada caso".
É fundamental garantir que a posibilidade de fondos ou endebedamento por parte dos concellos non sexa utilizado por outras Administracións para buscar financiamento, e non cargar ás entidades locais con competencias impropias, coma o custo dos servizos que non poden nin deben asumir.
Esta moción proposta polo BNG foi aprobada co apoio de Terra Galega, e a abstención do PSOE e do PP.
Apoiamos tamén unha moción proposta polo Goberno municipal para que se abran as escolas coa máxima seguridade para mestres e crianzas. Temos que ter en conta que vivimos nun país descentralizado, con colexios con poucos nenos que a Xunta está pechando e así obrigando a éstes a desprazarse kilómetros e kilómetros para acceder á escola, escola que masifican e así non poderán cumprir os protocolos de seguridade. Protocolos que terán que cumprir persoas non especializadas no COVID e que terán que deixar as súas funcións para acometer outras. Prococolos que non pensan por exemplo en nenos con necesidades especiais que, en moitos casos, para cumprir as normas de seguridade non poderán ter ao seu carón a persoa que con eles estaba todos os días, etc...
E para rematar, presentamos varios rogos e preguntas que nos fixeron chegar veciñas e veciños de Narón a través das Asociacións de Veciños nas reunións que estamos mantendo coas mesmas ao longo do ano.