O pleno municipal non aproba a retransmisión dos plenos por streaming

Solicitamos en plena pandemia a retransmisión dos plenos por streaming e voltamos a facelo agora a través dunha moción levada a pleno para o seu debate.
O pleno municipal non aproba a retransmisión dos plenos por streaming

A través dos plenos municipais, representamos ao pobo de Narón e o que defendemos, falamos, aprobamos ou non en nome das veciñas e veciños; que esta información chegue ao maior número de persoas ou facilitar que poidan acceder ao que alí se di é un exercicio democrático. Por todo isto, a lei obriga a que os plenos municipais sexan públicos.

Desta maneira, tense traballado servizo técnico e corporación para que se regulara e que o que alí decidimos poida chegar á cidadanía. O que nos sorprende desde o BNG de Narón que, en plena pandemia a decisión política do goberno fora que, os plenos que se gravaban a través da plataforma zoom fosen subidos a unha plataforma de vídeo e audio sen a imaxe. Esa decisión é política, non técnica.

Vivimos no século XXI e levamos dous anos de pandemia onde as retransmisións telemáticas están á orde do día. O propio concello de Narón así o fai noutras actividades. Por iso, se os plenos son públicos, non pode ser que na octava cidade galega, só poidan acceder a eles en directo as veciñas e veciños se é presencialmente na bancada do público porque é excluír a persoas que por diversas causas non poidan achegarse até o concello. Poder facer streaming dos plenos é necesario e aporta democracia, modernidade e un exemplo de que Narón aposta polo futuro.

A política non é algo estanco, evoluímos e intentamos transformar a realidade con ela. Artellar mecanismos que faciliten e promovan a transparencia das decisións políticas dun pleno é importante. Ademais, somos o único concello de máis de 35.000 habitantes en Galiza que aínda non retransmite por streaming os plenos municipais. Aproveitemos a tecnoloxía para mostrar que nada temos que ocultar e sabendo que, unha acta de centos de páxinas ou un audio no que hoxe é difícil atopar na web municipal (para un usuario de coñecemento medio de internet) non é a mellor maneira de dar a coñecer o que nos plenos se di agora que existen outras ferramentas.

Xa o solicitamos en plena pandemia por rexistro e voltamos a facelo agora a través dunha moción levada a pleno para o seu debate, pero o goberno de Narón non está dacordo.

 

O pleno municipal non aproba a retransmisión dos plenos por streaming