Explicaba que na ría do Burgo hai moitos lodos, teñen falta de compradores porque están confinados coma ela e ademais, unha grande saída nesta época eran as festas (vodas, comuñóns, etc) agora canceladas pero tamén porque toda a hostalería está pechada e a súa apertura nun limbo. Tamén incidía que a economía do sector estaba antes xa de por si debilitada e preguntábase: “que nos queda?” Quédalles a incerteza e a repercusión que esta pandemia vai ter sobre o sector marisqueiro e, un futuro, que vai estar tan negro como os lodos da ría do Burgo e da ría de Ferrol.
Na nosa ría a situación é dramática, non hai tanto acompañamos á confraría de Barallobre que reclamaba desesperadamente solucións. Tamén debemos falar doutros sectores do mar que afectan ao noso concello coma por exemplo percebeiros en O Val que van a outras lonxas a vender o seu produto. Estanlles obrigando a que paguen cotas, a que marisqueen e que o seu produto non teña saída e, aínda incluso peor, a que se xoguen a vida por non ter protección axeitada para a pandemia na que vivimos. Estamos obrigando a familias a que fiquen sen recursos, a que se confinen e a darlles un futuro negro. Por iso esta moción, porque a Xunta ten as competencias para decidir pechar bancos e así o sector marisqueiro a pé, barco e mergullo poidan optar aos fondos da UE, e por iso o resto de medidas. Hoxe a moción vai de pesca e marisqueo mais tamén podería ser do noso sector agro gandeiro, do noso tecido industrial ou das nosas pequenas e maiores empresas, sobre xente emprendedora... sobre un país de xente honrada, traballadora e con ideas que quere futuro e que a política ten que valer para axudar non para beneficiar a uns poucos e aos seus intereses. A nosa ría está chea de Teresas que traballaron e unhas poucas que seguen a traballar coas súas mans a nosa ría e que coidan pola súa sostibilidade. Instemos á Xunta que non se poña de canto e atenda á clase traballadora galega, tamén no sector do mar.