As medidas propostas polo BNG no pleno de Narón polo COVID-19: sociais, fiscais, comunicativas

O concello de Narón anuncia que estudará as medidas presentadas polo BNG nun pleno virtual por mor do estado de alarma.

 

O BNG de Narón presentou unha batería de medidas para incluír no traballo do Concello ao que angadiu unha máis das presentadas esta semana na que se pedía que o concello de Narón facilitara residencia e hoteis para o persoal traballador do concello que conviven con persoas de risco polo virus e que estean expostos polo seu traballo como pode ser a policía local, o servizo de voluntariado ou o SPEIS. As medidas inclúen desde protocolos para a violencia machista, as persoas sen fogar ou medidas fiscais para empresas e particulares. “Todas elas estanse a presentar desde a seriedade e desde o estudo do gabinete de crise que no BNG temos con persoas expertas en cada tema, son factibles xa que de feito concellos como Pontevedra, Allariz ou Tomiño por citar tres exemplos estanas a levar a cabo na súa totalidade” indica Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón

 

As medidas propostas polo BNG no pleno de Narón polo COVID-19: sociais, fiscais, comunicativas

MEDIDAS PRESENTADAS

MEDIDAS EN SERVIZOS SOCIAIS

1.   Implementar axudas de emerxencia ás familias para afrontar as necesidades dos menores e persoas desfavorecidas que sexan complementarias aos vales de comedor e paliar en parte o impacto socioeconómico do Coronavirus

2.   Atención á indixencia no concello para evitar que persoas nesta situación estean en risco ou poñan en risco ao resto da poboación (As persoas sen fogar deberían poder optar nesta situación a un albergue ou similar no que poidan confinarse con seguridade e protección. Isto precisaría cordinación dos servizos sociais, voluntariado e contratar unha empresa de seguridade para posíbeis persoas conflitivas)

3.   Pedir á Xunta de Galiza información continuada e contacto permanente para que o Concello coñeza a situación da residencia de maiores “DomusVi”de Narón para poder atender e xestionar posíbeis problemas e necesidades das persoas maiores que nela viven e, tamén, as persoas traballadoras(equipos de protección, medicamentos e material sanitario, alimentos)

4.   Protocolo de seguimento da violencia machista no noso concello. A Xunta nesta crise pechou as entradas ás casas de acollida por seguridade e para que non haxa contaxios por COVID-19. Considerando unha medida acertada debemos salientar que, a non posibilidade de novos ingresos e nun momento de confinamento como o de agora, buscar alternativas desde a administración local e de colaboración coa Xunta faise imprescindíbel. (Ex. concreto: o concello de Pontevedra contactou e ten a disposición un hotel pechado que agora está preparado para situacións como esta). A implicación e coordinación do concello de Narón e a Xunta de Galiza para  artellar respostas e que sexa posible a protección de mulleres víctimas da violencia machista ten que ser un feito.

5.   Que o concello de Narón ofreza aloxamento ao persoal municipal que convive con persoas de risco. Opción pensada para traballadores e traballadoras públicos de servizos esenciais e que acudan a diario aos seus postos de traballo e que convivan con persoas de risco no seu domicilio como Policía Local e SPEIS que estean expostas a risco diario de contaxio. Poder ofrecerlle un aloxamento no caso de que o soliciten e fagan, unha vez saídos do seu posto de traballo, o confinamento na estancia cedida e administrada polo propio Concello

 

MEDIDAS A MAIORES DO SERVIZO DE LIMPEZA

1.   Recollida do lixo porta a porta baixo petición de persoas vulnerábeis  

2.   Protocolo de recollida de lixo a domicilio para posibles doentes positivos por Coronavirus (protocolo co Sergas e que a recollida se faga con equipas de protección pola propia policía local ou SPEIS)

 

MEDIDAS FISCAIS

1.   Facer un plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación (ata onde a lexislación o permita) dos impostos, recibos e taxas (Ex: imposto vehículos, taxas terrazas...) en función das situacións CONCRETAS da cidadanía e empresas de Narón. Seguindo estes criterios  valorar o aprazamento da taxa de recollida do lixo comercial ás actividades pechadas , así como de todos aqueles impostos pendentes de pasar o cobro

2.   Iniciar unha campaña informativa para empresas  e autónomos coas medidas implementadas e as que se poidan aprobar por parte das diferentes administracións para facer fronte ao impacto social e económico do COVID-19

 

MEDIDAS DE INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN

1.   Crear un apartado específico na web municipal “CORONAVIRUS” con toda a información municipal ao respecto e enlace directo ás redes propias do concello. Na actualidade a información está a ser boa comunicativamente pero cun enlace directo sería máis sinxelo para todos os rangos da poboación.

2.   Diálogo constante con entidades e asociacións de Narón para que colaboren na rede de voluntariado ou canalicen a información oficial de maneira efectiva e poidan axudar á xestión do concello

3.   Información e resumo actualizado a todos os grupos municipais das medidas a tomar e recomendacións da FEGAMP

As medidas propostas polo BNG no pleno de Narón polo COVID-19: sociais, fiscais, comunicativas