O BNG de Narón reclama ao Goberno Municipal melloras no Centro Manuela Pérez Sequeiros

20201105_100058

O estado no que se atopa o Centro Manuela Pérez Sequeiros é vergoñento, un referente como Centro Sociocomunitario con un Centro de Día Integrado e que ofrece moitísimas actividades a todos os rangos de idade pero cheo de pingueiras, humidades, desconchados na fachada, etc...

 

 

O BNG de Narón reclama ao Goberno Municipal melloras no Centro Manuela Pérez Sequeiros

O Centro Manuela Pérez Sequeiros é un referente como Centro Sociocomunitario no Concello de Narón, con un centro de Día integrado. Ofrece actividades a todos os rangos de idade. Antes da pandemia chegou a ter ata 700 usuarios nas súas instalacións, o que nos fai ver que é un centro que ofrece uns servizos que se poden considerar cáseque imprescindíbeis para a nosa veciñanza.

Dispón dunha cafetería con servizo de comedor do que fai uso moita xente por circunstancias diversas, como poden ser enfermidades, a soidade cando van a casa, etc...., aínda que agora mesmo a cafetería non está funcionando por causas especiais que todos estamos vivindo como é a pandemia do COVID19.

Despois de realizar unha visita ao mesmo atopámonos que as instalación non se atopan nas condicións axeitadas para recibir ás usuarias e usuarios; dende a construción do centro sempre houbo problemas co tellado e estes derivaron en que leven tempo con pingueiras; a fachada estase desconchando, polo que algunha das letras caeron, co perigo que isto pode supoñer para a xente que pasa por alí, e como isto máis cousas que son necesarias no mantemento diario de calquer edificio.

"É unha vergoña que un edificio practicamente novo, que ofrece un servizo público, estea nestas condicións" declara Olaia Ledo (voceira do BNG de Narón), "o Concello non pode permitir que un centro de día con actividades para todas as idades teña pingueiras porque a cuberta sexa defectuosa" continúa Olaia.

O BNG rexistrou no Concello un escrito coas seguintes preguntas dirixidas ao goberno municipal:

1.    O Goberno Municipal é coñecedor desta situación?

2.    Si é así, está previsto, a curto prazo, arranxar estas deficiencias?

3.    Estudiouse nalgún momento o cambio da cuberta do edificio, xa que a construción do que hai é deficiente, para non estar todos os anos cos mesmos problemas de pingueiras?

4.    Vanse seguir facendo parches ou vaise facer a rehabilitación necesaria para que se atope en óptimas condicións?

Dende o BNG "imos iniciar unha campaña se non se mellora a situación" anuncia Olaia Ledo, "tendo este mes de restriccións debería como mínimo este concello devolver este servizo en moitas mellores condicións que as de agora".

A preocupación do BNG é tamén o novo centro de saúde, "esperamos que as condicións da construcción do edificio sexan mellores que as deste centro, e non ter un edificio novo defectuoso con pingueiras o próximo ano" indica Geno Carballeira (concelleiro do BNG)

O BNG de Narón reclama ao Goberno Municipal melloras no Centro Manuela Pérez Sequeiros