BNG exixe garantir o servizo postal no Concello de Narón e melloras laborais

O marter 23 á tardiña Néstor Rego, o grupo municipal do BNG de Narón e representantes dos traballadores de correos mantiveron unha reunión para saber a actualidade da grave situación que vive Narón. Néstor Rego reclama, neste sentido, aumentar o persoal nas instalacións de Correos e no sistema de reparto no concello naronés para asegurar que todas as zonas teñan cobertura.

BNG exixe garantir o servizo postal no Concello de Narón e melloras laborais

O BNG de Narón e representantes sindicais do servizo de correos da CGT mantiveron unha xuntanza co deputado da formación nacionalista no Congreso para informalo sobre as carencias e os problemas  que existen en relación ao servizo postal  da cidade. A organización nacionalista rexistrou varias preguntas no Congreso e adianta que presentará iniciativas na cámara estatal reclamando ao Goberno do Estado a manter o persoal necesario para cumprir coas obrigas do servizo postal universal e mesmo aumentar as carteiras nun concello que medra en habitantes.

Nas instalacións de Correos de Narón traballan 23 persoas nas tarefas de distribución e 7 en atención ao cliente. Anteriormente, o servizo de reparto contaba con dúas persoas máis que se xubilaron e os seus postos de traballo non foron repostos. A estas dúas ausencias deben sumarse outras de carácter temporal e puntual como as baixas, os permisos por maternidade ou paternidade e mesmo os días de vacacións do persoal. Esta situación provoca que a unidade postal da cidade se atope preto do colapso, supoña unha sobrecarga para o resto do persoal e sexa practicamente imposíbel cumprir os prazos de entrega da correspondencia.

Narón é un concello que, na última década, posúe un saldo positivo en crecemento de habitantes e precisa mellorar servizos tan necesarios como é o de Correos” apunta o deputado nacionalista no Congreso. As zonas que quedan máis habitualmente sen cobertura ante o colapso da oficina  son as zonas de “Santa Rita de Xubia, O Ponto, Freixeiro, Piñeiros e a parte da Gándara” situadas na zona urbana. 

Por este motivo, a organización nacionalista anuncia que rexistrará no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado manteña o persoal necesario para cumprir con todo o rigor as súas obrigas de repartición diario da correspondencias en condicións de igualdade e sen discriminar ningunha zona. “A Administración do estado ten que vixiar o cumprimento da prestación do servizo postal universal e colaborar activamente co persoal de Correos na Galiza” sintetiza Néstor Rego. Alén do máis, Néstor Rego exixe ao Goberno que adopte as medidas necesarias para que se amplíe o persoal estrutural que ten asignado o concello de Narón.

O servizo postal universal existe para garantir o dereito de acceso ás comunicacións postais cun prezo alcanzable e en condicións de igualdade e de calidade a toda a cidadanía, sen discriminación algunha” explica o deputado nacionalista. Este servizo contribúe de forma decisiva á cohesión social dunha sociedade, achegando ás persoas e facilitando o envío tanto de correspondencia como de paquetería. Nas relacións entre as Administracións Públicas e as persoas este servizo segue sendo a forma máis usual e frecuente de comunicación, “tanto para a remisión de documentación ou solicitudes, como para as notificacións. Correos é quen ten encomendada a prestación deste servizo en todo o territorio estatal, e debe cumprir coas obrigacións que posúe” conclúe Rego.

BNG exixe garantir o servizo postal no Concello de Narón e melloras laborais