O BNG APOSTA POLA CONSTRUCIÓN DUNHA PLANTA DE COMPOSTAXE PARA AVANZAR NUNHA MELLOR XESTIÓN DOS RESIDUOS
O BNG de Narón aposta pola compostaxe XA

Narón, 12 de maio de 2019. O programa do Bloque Nacionalista Galego, en palabras da candidata á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, avoga pola construción dunha planta de compostaxe que permita avanzar nun modelo alternativo a Sogama na xestión dos residuos. Esta é unha das medidas incluídas no programa co que o BNG concorre ás eleccións do 26M e coa que quer poñer de manifesto a importancia que para a organización nacionalista ten a colaboración institucional na consecución do obxectivo prioritario nos vindeiros catro anos: construír un concello para as persoas e o seu benestar.
O BNG quer deste xeito dar un paso máis na xestión dos residuos sólidos urbanos e, para acadalo, aposta por traballar con entidades locais que promoven un medio sustentábel, a diferenza das medidas propagandísticas ou cosméticas de Sogama ou Ecoembes. O obxectivo da planta de compostaxe permitiría non só abaratar custes, senón tamén reducir as emisións de CO2 producidas polo transporte.
Outra das propostas incluídas no programa do BNG é a construción dunha residencia pública de maiores, xa que, argumentou Olaia Ledo, nestes intres “atopámonos por por debaixo da ratio que a Organización Mundial da Saúde considera necesaria para prestar un servizo axeitado ás nosas e aos nosos maiores. Hai un déficit e cómpre que o Concello, en colaboración co resto de administración, aposte por un servizo imprescindíbel para o concello”.
Un instituto politécnico que complete a oferta formativa da nosa mocidade, un plan de emprego xuvenil que free a emigración xuvenil ou unha escola infantil na parroquia do Val son outras das medidas que inclúe un programa que, explica a candidata, Olaia Ledo, “incide na idea dun concello inclusivo e igualitario, sen distincións entre o rural e urbano”.
Olaia Ledo lamenta que haxa opcións políticas que pretendan “volver ás obras faraónicas con investimentos multimillonarios cando hai servizos públicos sen universalizar, como é o caso do saneamento ou a propia inclusividade e accesibilidade urbanística”. “Para nós”, engadiu, “é o momento de dar un salto cualitativo e no BNG temo a experiencia doutros concellos do país para facelo posíbel”.