APROBADA A NOSA MOCIÓN A PROL DUN ENTE FERROVIARIO PRESENTADA POLO BNG

PLENO DE NOVEMBRO

No pleno do mes de novembro presentamos dúas mocións: unha para protexer o Muíño das Aceas e outras moción sobre a reposición de servizos de tren suprimidos e plan de mellora da rede ferroviaria e creación do ente ferroviario galego. Narón ten moito que dicir se de tren falamos.

PLENO DE NOVEMBRO

A pandemia da COVID foi utilizada como escusa polo goberno central para suprimir servizos ferroviarios en Galiza, tanto interiores como de conexión con outros territorios. Se ben a redución de servizos estaba xustificada durante o estado de alarma e as fases do chamado “desconfinamento”, a realidade é que moitos dos trens seguen sen circular. RENFE anunciou que os servizos serían recuperados “a medida que a demanda o vaia pedindo”. Mais en pleno mes de setembro, co reinicio da actividade laboral e escolar, un terzo dos servizos de media distancia seguían suprimidos. E o mesmo ocorre coas conexións co exterior, como os comboios que unen Galiza con Euskadi e mais con Madrid, o primeiro suprimido desde marzo e o segundo reducido a tres servizos diarios. O mesmo acontece cos trens hotel entre Galiza e Madrid e Galiza e Barcelona, eliminados desde o inicio do estado de alarma.

En canto ás conexións de media distancia, reducíronse servizos entre Ferrol-Ortigueira-Ribadeo, A Coruña-Ferrol, A Coruña-Monforte, Vigo-León, Vigo-Pontevedra. No caso da liña Vigo-Porto só existe un servizo diario e o mesmo ocorre na liña Vigo-Ourense-Ponferrada. Isto é unha descriminación á nosa economía en todos os seus eixes e aféctalle de pleno á nosa comarca e polo tanto a Narón, motor de Ferrolterra, no deterioramento do servizo ferroviairo no antigo FEVE e agora liñas de RENFE onde o servizo cada vez é máis precario con problemas de conexión e mantemento. O que podía ser un tren de cercanías na nosa localidade vese cuns horarios escasos que poucas veces se cumpren e, aínda a maiores, sen compensación na nosa cidade por unhas vías que dividen a Narón en dous.

Cómpre ter en conta que en Narón a situación previa á pandemia arredor do tren era xa de por si precaria, debido á drástica redución de servizos, ao peche de estacións, e á falta de investimentos na modernización das infraestruturas e nos equipamentos que se produce na maior parte das liñas. Desta maneira parroquias e barrios como Sedes, Pedroso, Xuvia, Piñeiros, Freixeiro, O Alto, Santa Icía vense afectados pola merma dun servizo fundamental para cumprir os obxectivos de CO2 de cara o 2030 e para ofrecer un servizo público á veciñanza de Narón. A necesidde en Galiza dun tren de cercanías ten que ser posible como acontece xa noutras comunidades coma Asturias, Cantabria, Euskadi ou Navarra.

A crise ambiental que vive o planeta e que tamén sofre Galiza esixe cambiar os modos de mobilidade e apostar de maneira decidida pola mobilidade sustentábel. Neste contexto, o ferrocarril debe ser obxecto dunha política decidida de fomento e mellora, como alternativa saudábel, sostíbel e segura a modos contaminantes como o automóbil ou o avión.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG traslada a seguinte proposta de acordo:

Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno central:

1. A reposición dos servizos ferroviarios de media distancia e de comunicación co exterior suprimidos con motivo do estado de alarma. Nomeadamente os servizos nos que en Narón estamos afectadas

2. Un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora da rede ferroviaria galega que inclúa con carácter prioritario as seguintes liñas:

Lugo – Coruña – Ferrol

Coruña – Ferrol

Ferrol – Narón – Ribadeo

Vigo – Ourense

Vigo – Porto

  3. Instar tamén á Xunta a impulsar a creación do Ente Ferroviario Galego e do servizo ferroviario de cercanías.

4. Buscar a coordinación de RENFE  e ALSA para que as persoas que veñan no tren desde Ortigueira, Cerdido, Moeche, Pedroso, Xuvia... e se baixen en Santa Icía non teñan que agardar moito tempo polo bus para trasladarse aos hospitais da zona de Catabois.

            5. Que a liña FERROL – CORUÑA sexa integrada no TMG, e solicitar a ampliación de liñas para potenciar un tren de proximidade entre Narón, Ferrol, Fene, Cabanas e Pontedeume.

            6. Estudar a posibilidade de implantar un tren de proximidade con frecuencias directas en horarios de saídas directas para chegar a traballar e para saír do traballo, tanto na Coruña como en Ferrol. Exemplo: saír de ambas cidades ás 7 h e ás 15 h, engadindo algunha frecuencia adicional con paradas en todos aqueles apeadoiros que tivesen solicitudes.

            7. Construír un apeadoiro na zona da Gándara para dar servizo de tren a éste barrio, o máis grande de Narón.

 

PLENO DE NOVEMBRO