Dende o BNG de Narón levamos a Pleno esta preocupación pola Sanidade e mesmo pola nosa propia Área Sanitaria

Estamos a traballar para que no noso concello e na Área Sanitaria do mesmo se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade. Conseguimos a inclusión do servizo de radioloxía no novo Centro de Saúde, imos agora loitar polo de psicoloxía clínica, por ter máis persoal, por ter unha mellor atención e pola mellora da sanidade pública.
Dende o BNG de Narón levamos a Pleno esta preocupación pola Sanidade e mesmo pola nosa propia Área Sanitaria

A política sanitaria da Xunta de Galiza, presidida por Feixóo, está baseada nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na ocultación e manipulación das listas de espera, na precarización e explotación do persoal, recorte de camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres.

Estas políticas levan a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non as paramos entre todas e todos.

As protestas dos Centros de Saúde, o levantamento da poboación de Verín contra o peche da sala de partos do seu hospital e as protestas de nais e pais contra a falta de pediatras (temos moi preto os casos de San Sadurniño, Moeche, Fene...) son algunhas das manifestacións domalestar cidadán frotne a esta crise sanitaria. Narón non é alleo: a demora no comezo das obras do centro de saúde, a tardanza na inclusión da sala homologada por radiografía ou a de momento non atendida demanda social da inclusión de psicoloxía clínica no cenro de saúde, é unha demostración da deixadez da Xunta dun recurso vital e duns dereitos universais para toda a poboación.

Cremos que estamos ante un momento importante, en que a corporación municipal como representantes do conxunto da cidadnía, indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberiamos traballar conxuntamente para que no nosos concello e na Área Sanitaria se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade. Non se pode nin se debe admitir a deterioración do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público como podemos comprobar coas urxencias no hospital de referencia da nosa comarca: o Arquitecto Marcide.

Os municipios da Área Sanitaria necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democráticos dos tempos actuais.

Dende o BNG de Narón solicitamos ao Pleno da Corporación Municipal esixir á Xunta de Galiza o cese desta política de desmantelamento que estamos a sufrir, a reducción das listas de espera, paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios, acabar coa política de privatización de recursos, acabar coa precariedade e explotación laboral que sofre o persoal dos servizos de saúde, un Plan de Mellora da Atención Primaria, de Saúde mental e de Atención á Saúde das Mulleres, demandar ao Goberno a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do noso Centro de Saúde e dotalo de persoal necesario para garantir unha atención accesíbel de de calidade e do servizo de psicoloxía clínica.