AVANTE FERROLTERRA INTERVÉN AO FINAL DO PLENO PARA FALAR EN PRIMEIRA PERSOA DA IMPORTANCIA DE TRABALLAR A PROL DA VISIBILIDADE E CONQUISTA DE DEREITOS

Aprobada a moción do BNG a prol da visibilidade e dereitos LGBT+

Representación de Avante Ferrolterra
Representación de Avante Ferrolterra

Esta mañá tivo lugar o último pleno de Narón e a única moción presentada foi aprobada coas únicas abstencións do PP. O colectivo Avante Ferrolterra interveu no pleno para visibilizar a súa loita e a situación que teñen que vivir no día a días as persoas do colectivo.

“Foi un día importante para Narón” declara Olaia Ledo, voceira do BNG “de cumprirse o aprobado no pleno, o 2020 xa será un pouco mellor que o 2019 na loita por unha igualdade real para todas as persoas. As administracións temos a obriga de lexislar, traballar, colaborar e escoitar para avanzar na visibilidade da sociedade diversa que xa somos de facto”. Desde o BNG somos conscientes de que a moción é só un paso e que os verdadeiros cambios virán nas accións do día a día, no recoñecemento das múltiples identidades.

 

Aprobada a moción do BNG a prol da visibilidade e dereitos LGBT+

A moción ficou aprobada quitando o punto 1 que aparece a continuación e que desde o BNG, non renunciamos a que poida ser realidade nun futuro. 

 

MOCIÓN A PROL DO MOVEMENTO LGBT+

Ao abeiro do Regulamento Municipal do Concello de Narón, o Grupo Municipal do BNG presenta unha moción a prol do movemento LGBT+

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A loita contra o patriarcado conleva traballar por concellos feministas que pulen tamén a prol da liberdade sexual e de xénero. Para iso, ademáis do traballo diario con colectivos feministas é preciso brindar apoio ás asociacións LGBT, así como establecer un diálogo continuo e estreito con elas para o tratamento das necesidades do colectivo, para a elaboración de medidas lexislativas e campañas de concienciación e contra a descriminación.

O BNG leva anos facendo propostas e defendendo proposicións de lei a favor dos dereitos de todo o colectivo LGBT e poñer fin á descriminación en particular en ámbitos coma o laboral ou unha prestación do servizo sanitario. Desde Narón é necesario facer os estudos pertinentes para visualizar esta realidade e traballar todas e todos na defensa dunha igualdade real. O Concello de Narón, na procura do benestar social e de facer un concello aberto para todas as persoas pode promover cos recursos dos que dispón, dun centro ao modelo dos antigos centros Quérote e que foron desmantelados pola Xunta de Galiza, con motivo de formar, informar e acompañar en materia de sexualidade especialmente á mocidade, xa que estamos a falar de persoas que poden ter temores, dúbidas e que non atopan un espazo seguro nas súas casas que fan que precisen apoio e acompañamento da man de profesionais.

É por isto polo que reclamamos o seguinte acordo.

ACORDO

  • O estudo e posta en marcha dun servizo de asesoramento legal, de asistencia psicolóxica e de orientación laboral para as persoas LGBT desde o Concello de Narón. Para iso é necesario un plan de formación destinado ao funcionariado municipal para garantir unha atención axeitada a persoas do colectivo.
  • Instar ás diferentes administracións a que emitan a documentación conforme á identidade de xénero sentida sen necesidade dun cambio previo do DNI.
  • Aproveitar a rede de centros sociais do Concello existentes para estender campañas e actividades de sensibilización para contribuír a combater o machismo e a LGBTfobia.
  • Aposta tamén para elaborar un programa a nivel municipal que leve aos colexios e institutos palestras, obradoiros e proxectos no ámbito LGBT como temática central e en contacto coas asociacións, fomentando especialmente a formación do profesorado e persoal administrativo dos centros de ensino e facer ao alumnado axentes directos desta formación.

 

  • Dispoñer na biblioteca pública e na casa da mocidade dunha sección de recursos audiovisuais e escritos específicos; apoiar os proxectos culturais e artísticos da temática LGBT; organizar en conxunto coas asociacións LGBT actividades, como ciclos de cine, así como a proxección de material audiovisual, dentro da idea de Narón como cidade de encontro e acollida.

 

  • Realización dun congreso interdisciplinar en colaboración coa Universidade da Coruña no que se presente o traballo dos equipos de investigación, convertendo a Narón en referente e exemplo en materia LGBT e promovendo a existencia dun grupo de investigación neste eido con profesionais de distintas áreas.

 

  • Izado da bandeira do orgullo LGBT no consistorio nas datas conmemorativas e de reivindicación colectiva.

 

  • Instar á Xunta de Galiza a que se cumpra a  Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza.

 

  • Instar ao Parlamento Galego á aprobación dunha nova Lei de identidade de xénero.

 

Narón, 11 de Decembro de 2019

 

 

 

 

Asdo. Olaia Ledo Díaz

Portavoz do Grupo Municipal do BNG de Narón

Aprobada a moción do BNG a prol da visibilidade e dereitos LGBT+