OLAIA LEDO: “QUEREMOS QUE NARÓN DEA UN PASO MÁIS E NÓS TEMOS UN PROXECTO ILUSIONANTE PARA FACELO REALIDADE”

Presentación da candidatura e programa

Presentación candidatura BNG de Narón
Presentación candidatura BNG de Narón

Narón, 8 de maio de 2019. A candidata do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, asegurou hoxe no acto de presentación da lista coa que a organización concorre ás eleccións do 26M que “estamos moi orgullosos do traballo desenvolvido estes anos polo BNG no cogoberno de Narón, mais cremos que agora é o momento de dar un paso máis, e por iso presentamos un grupo de persoas e un proxecto para ilusionar á veciñanza de Narón e para poder conquerirmos un futuro mellor”. 

Presentación da candidatura e programa

 

"Dicía Rosalía que é feliz quen soñando morre, desgrazada quen morre sen soñar: soñar e traballar polo que unha cre xusto fai que o presente e o futuro mude, e nós queremos conquistar o futuro. Agora Narón, agora BNG!”, rematou Ledo, vindeira alcaldesa de Narón nun local social da Gándara ateigado e que contou coa presenza do deputado no Parlamento galego Xosé Luís Rivas “Mini”, a candidata nacionalista quixo resaltar o valor do equipo que integra a lista por seren “persoas que cren no colectivo e que non se conforman con que agora movan a terra do futuro centro de saúde, senón que queren que se encha de contido e que se ofrezan todas as especialidades que precisa unha cidade de 40.000 habitantes”. 

Ledo recoñeceu o traballo dos concelleiros do BNG no cogoberno naronés e, recollendo ese testemuño, apostou por “dar un paso máis cun proxecto ilusionante e transformador”. Avogou por “gañar o espazo público, cohesionar o concello dotando de servizos e oportunidades a todas as parroquias, sen diferenzas, e, por riba de todo, por pór ás persoas no centro da vida municipal, afastándonos daqueles que queren volver á política de obras faraónicas cando os servizos básicos como o saneamento seguen sen estar estendidos en toda a nosa zona rural”. 

A candidata do BNG sinalou tamén que é necesario pór en marcha un proxecto global para a cidade “que si ten o Bloque e para o que é preciso chegar a acordos e ao entendemento con outras administracións e cos concellos veciños. Temos moito potencial e é o momento de darlle o pulo que precisa para o aproveitamento da veciñanza de Narón e da doutros municipios da contorna”. 

Puxo como exemplo o traballo que vén desenvolvendo o BNG noutros concellos galegos, “que”, dixo, “son sinónimo de benestar, do bo facer, de inclusividade, de participación… Temos experiencia para facelo e iso queremos para o noso Narón. Deamos un paseo por Pontevedra, Allariz, San Sadurniño, Moeche ou Carballo e veremos todo o que pode facer o BNG”. 

Ledo fixo especial fincapé na importancia de recuperar o espazo público, “pois é aí onde todas e todos somos iguais” e, nese sentido, manifestou a intención do BNG de avanzar “decididamente e con claridade nun Narón para as persoas, accesíbel e inclusivo que nos faga sentir a fachenda de pertencer, de vivir e de traballar neste concello”. 

“As persoas que conformamos a candidatura do BNG”, engadiu, “pensamos e imaxinamos un Narón moito mellor” que non se resignan só “con contentar, senón para transformar a realidade”. “Confiade en nós”, dixo, “porque nós confiamos en todas e todos vós". 

 

comentarios