O BNG DE NARÓN DECIDIU EN ASEMBLEA NON ENTRAR NESTES MOMENTOS A UN POSÍBEL COGOBERNO DA CIDADE DE NARÓN.

O BNG estará na oposición nesta lexislatura

grupo municipal
grupo municipal

Consideramos que despois de falar entre as partes non se dan as circunstancias para entrar nun cogoberno. Desexamos polo ben de todas as naronesas e naroneses as mellores das sortes ao goberno saínte mañá e buscaremos de maneira construtiva chegar a acordos e conseguir coas ferramentas que dispoñemos tanto na corporación como nas xuntanzas coa veciñanza un proxecto ilusionante cara a nosa cidade.

O BNG estará na oposición nesta lexislatura

1.- O resultado electoral é claro e TeGA gañou as eleccións. Por iso, o Bloque Nacionalista Galego vai favorecer á investidura de Marián Ferreiro como alcaldesa. Nunca chegamos a valorar as outras alternativas que se nos puxeron enriba da mesa.

 

2.- Mantivemos conversas con Terra Galega e PSOE e puidemos contrastar liñas programáticas. Agradecer o diálogo e o tono mantido sempre por todas as partes.

 

3.- Consideramos que non se dan neste momento actual as condicións para poder desenvolver as liñas programáticas que dean ese salto adiante e transformación da realidade que reclamabamos na campaña e que o noso lugar é, nestes momentos, a oposición para intentar conseguilo polos medios cos que dispoñemos. Realizaremos unha oposición construtiva, na que buscaremos chegar a acordos que beneficien a todas as naronesas e naroneses.

 

4.- As portas fican abertas no futuro e para establecer todo tipo de diálogo.

 

5.- Queremos agradecer todo o traballo realizado polo grupo municipal. Un traballo que levou a Narón a ter débeda bancaria cero, poñer en valor o pequeno comercio e os productos de cercanía desde promoción económica e un avance imparábel (e esperamos que sen marcha atrás polo ben de todas as entidades) en promoción social así como as melloras na área de igualdade. Narón é mellor hoxe tamén polo traballo do BNG e queremos que siga a mellorar co noso traballo e esforzo. 

 

6. Desde xa estaremos na rúa escoitando ás veciñas e veciños de Narón, traballaremos para que o espazo público sexa gañado para as persoas e para avanzar en dereitos. As nosas ilusións por un Narón que funcione e ilusione seguen intactas e por iso queremos agradecer a todas as persoas que depositaron a confianza no BNG o 26 de maio e esperamos poder estar á altura que se nos encomendou. Ás demais persoas tamén dicir que saiban que teñen no BNG unha forza que vén con humildade pero disposta a conseguir grandes cousas para a cidade e o seu benestar e nas que todas merecemos a mesma atención e posta en valor tanto na zona rural como urbana. Estaremos atentas tamén a ese case 50% da poboación que decidiu non ir votar nas municipais porque non atopou alicientes suficientes. Elas e eles tamén son Narón e consideramos que debemos ser capaces desde a política en poder chegar a toda a cidadanía.