O BNG TRASLÁDALLE AO COMITÉ DE MEGASA AS SÚAS ALEGACIÓNS AO BORRADOR DO ESTATUTO DOS CONSUMIDORES ELECTROINTENSIVOS

Ana Pontón e o BNG de Ferrolterra reúnese co comité de MEGASA para trasladarlle as súas propostas en materia enerxética

Reunión Comité de Megasa con Ana Pontón, Mon Fernándes, Olaia Ledo, Mercedes Tobío, Suso Soto e Marcos Sánchez
Reunión Comité de Megasa con Ana Pontón, Mon Fernándes, Olaia Ledo, Mercedes Tobío, Suso Soto e Marcos Sánchez

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reuniuse co comité de empresa de Megasa para trasladarlle a súa preocupación por que Galiza “se convirta nun deserto industrial” e por iso informou das alegacións presentadas ao proxecto de real decreto polo que se regula o estatuto dos consumidores electrointensivos, entre os que se atopa a siderúrxica de Xuvia.

Ana Pontón e o BNG de Ferrolterra reúnese co comité de MEGASA para trasladarlle as súas propostas en materia enerxética

Narón, 16 de abril de 2019. A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reuniuse co comité de empresa de Megasa para trasladarlle a súa preocupación por que Galiza “se convirta nun deserto industrial” e por iso informou das alegacións presentadas ao proxecto de real decreto polo que se regula o estatuto dos consumidores electrointensivos, entre os que se atopa a siderúrxica de Xuvia. Pontón, que estivo acompañada por unha representación comarcal do BNG co número 3 pola provincia da Coruña Mon Fernández e a candidata á alcaldía Olaia Ledo explicou que cómpre artellar “mecanismos rigorosos e adecuados á realidade enerxética do país para evitar que Galiza siga perdendo peso no sector industrial do Estado”. 

Pontón lamentou que a Xunta “desista das súas funcións, recollidas no Estatuto de Autonomía, favorecendo así que este país se encamiñe cara a unha reconversión por mor da inexistencia dunha política enerxética clara e definida que, para o BNG, ten que reverter necesariamente no tecido industrial, como vimos manifestando desde hai anos coa nosa iniciativa de reclamar unha tarifa eléctrica propia”. Ademais, cualificou de “extremadamente grave que Megasa teñan que afrontar un custe de até 20 euros máis o megavatio/hora ca outras empresas do mesmo sector”, situación que revela “o fracaso das subastas eléctricas para a nosa industria electrointensiva”. 

O Bloque Nacionalista Galego presentou recentemente unha serie de alegacións ao estatuto de consumidores electrointensivos. Nelas, a organización nacioanalista defende un “tratamento específico para Galiza polo risco de perda de emprego (son xa 3.500 persoas ocupadas menos no sector industrial neste último ano) e capacidade produtiva”, lembrando que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma o fomento e a planificación da actividade económica en Galiza. “É necesario corrixir a falta de colaboración, planificación e organización experimentada até o momento, polo que esiximos abrir un proceso de diálogo bilateral entre os poderes públicos galegos e a Administración central sobre a concreción final deste estatuto e das modificacións xerais das políticas enerxéticas que afecten a Galiza, con independencia das achegas que a Xunta transmita por medio do proceso de participación público ou por medio da audiencia que desenvolva o Consello Consultivo de Electricidade da CNMC”, explicou Pontón.

A portavoz nacional subliñou tamén que Galiza desempeña “un papel produtor de enerxía que conleva que exportemos, de media, un 35% da electricidade que producimos cada ano”, polo que Galiza, divo, “non obtén ningún beneficio”. Por iso, reclamou que se modifiquen “as regras do sistema eléctrico de forma que se adecúen ás diferentes realidades territoriais”, pois, sinalou, “a xeración eléctrica leva aparellados elevados custos sociais e medioambientais que deberan ser compensados nas futuras modificacións da lexislación sobre o sector eléctrico”. Porén, mentres esta reestruturación non se leve adiante, “reclamamos que o estatuto das electrointensivas inclúa a modificación e redución das peaxes de acceso”, que han ser diferentes en cada Comunidade Autónoma atendendo “á súa condición de excedentaria ou deficitaria”.

Ademais, o BNG ten demandado para as empresas electrointensivas a súa “liberación de asumir os custos das peaxes que non teñen relación directa coo funcionamento da actividade industrial e co funcionamento do sistema eléctrico (bono social, primas ás renovábeis, custos extrapeninsulares, pagamentos por capacidade e ao operador do sistema naqueles casos que se faga compra directa por medio de convenios bilaterais, segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear e déficit tarifario)”. O BNG láiase de que o borrador de estatuto non “clarexe o futuro a respecto das poxas da interrumpibilidade”, polo que reclama un sistema de tarifa industrial predicíbel e estábel”

Noutra das alegacións presentadas polos BNG abórdanse as consecuencias do establecemento dos suplementos territoriais polas peaxes de acceso de enerxía eléctrica correspondentes ao ano 2013, o que a xuízo da organización nacionalista “suporá un sobrecusto para as empresas electrointensivas galegas que penaliza Galiza e a súa industria por ser unha comunidade produtora e a que máis contía vai ter que pagar. Este feito agravará a crise do sector”, sinalou a portavoz nacional do Bloque.